A CIG demanda ao goberno a convocatoria inmediata da Mesa para abordar o traslado de ENCE e garantir empregos e actividade
A CIG demándalle ao Goberno español a convocatoria inmediata da Mesa de traballo sobre Ence e a aprobación dun calendario para que, sen descanso, as administracións estatal e galega se poñan a traballar para buscar a solución que dea continuidade aos empregos e á actividade industrial. Cómpre lembrar que, con anterioridade ao coñecemento da sentenza da Audiencia Nacional, a CIG xa instou a creación desta mesa, que naceu o pasado o pasado 21 de abril, e que agora ten que botar a andar sen máis demora.
"Xa está ben de incumprimentos polo Goberno español dos compromisos adquiridos. Xa estamos fartos da nula política industrial da Xunta de Galiza, que só actua ao ditado dos Consellos de Administración das empresas, e de ENCE en particular. Xa nos abondan os comportamentos matonís disfrazados de sindicato. O que cómpren son actuacións urxentes e solucións", asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, para quen "o peche da fábrica e os despedimentos non poden ser o final".
Carril explica que a CIG defende o traslado inmediato de ENCE das actuais instalacións e a construcción dunha nova fábrica, como o camiño para garantir a continuidade real dos postos de traballo e sentar as bases dunha industria da madeira que complete os procesos produtivos en Galiza, e non dubida en cualificar de "suicida" a negativa de ENCE a asumir a opción. Para avanzar nesta saída, a central demanda de ENCE a aprobación dun calendario de inversións para levar adiante este traslado, "deixando de ameazar o futuro dos postos de traballo e cesando xa na intimidación permanente ao conxunto do pobo galego".
Advirte que neste conflito xa se ten perdido moito tempo e "canto máis tardemos en tomar a iniciativa, máis colaboraremos en que o resultado final sexa inxusto para a clase traballadora e para Galiza". Pois, fronte os discursos fatalistas da empresa, cómpre ter presente en todo momento "que os donos de ENCE teñen alternativa -como se di popularmente, sempre teñen 'un plan b'- para seguir operando, para non perder riqueza, sen lle importar as consecuencias na destrución de emprego que poidan provocar".
Beneficios millonarios que non foron reinvestidos na fábrica
O secretario xeral da CIG chama a atención sobre os beneficios millonarios xerados por ENCE sen que se teñan reinvestido estes cartos para a posta en marcha do traslado das instalacións actuais, como tampouco se investiu na mellora e na ampliación que permita pechar todo o ciclo produtivo do papel, xerando o triple do emprego actual e minimizando o dano ambiental e social.
"Na CIG apostamos por inverter a situación actual, garantindo que a nosa riqueza forestal, de igual maneira que reivindicamos para outros recursos (enerxéticos, minerais, leite etc.), se poña ao servizo da creación de emprego digno e dun desenvolvemento industrial sustentábel no noso País", asevera Carril.
Incide en que a nosa masa forestal, o noso monte, é un sector estratéxico cuxo futuro non pode estar reservado ás decisións que as empresas privadas poidan tomar, polo que resulta imprescindíbel poñer en marcha políticas públicas. "Cómpre un sector público empresarial que actúe de columna vertebral deste sector. E cómpre lembrar que ENCE foi unha empresa pública, inxustificadamente privatizada, e que se ten enriquecido a conta de todas e todos nós".
Crear o Complexo Integral da Industria da Madeira Galega
Na liña das propostas que a CIG leva anos facendo, e particularmente nos últimos meses na defensa dunha saída galega xusta da crise, apostamos polo dereito a termos unha industria que estea ligada e articulada cos sectores primarios, a termos a capacidade de controlar o excedente económico que xera para reinvestilo, que respecte o equilibrio ecolóxico e reduza os custes ambientais das inversións, avaliando a rendibilidade social dos investimentos.
Neste senso, Carril reclama o dereito "a termos unha verdadeira e diversificada industria transformadora da nosa masa forestal e que, con isto, se conforme un Complexo Integral da Industria da Madeira Galega". Por esta razón é obrigado exixir un cambio radical da política forestal en vigor, tendo como principios reitores, entre outros, a multifuncionalidade de usos do monte, tal e como a CIG xa defendeu no Manifesto por un Monte Galego con Futuro. Principios que se poden resumir nos seguintes puntos:
1.- A promoción do ciclo completo da transformación da madeira en Galiza.
2.-Recuperación do tecido industrial dedicado aos distintos aproveitamentos forestais.
3.- Investimento na promoción da produción de madeira de calidade e doutros produtos do monte.
4.- Apoio á investigación para unha industria forestal integral e sustentábel.
Nova protesta do comité na Subdelegación do Goberno
O comité de fábrica de Ence continuou esta mañá coas mobilizacións para esixir solucións e a convocatoria inmediata da Mesa de traballo para abordar o futuro do emprego, tanto na pasteira como en todo o sector forestal galego, achegar alternativas e rematar así coa incerteza que padecen os traballadores/as.
Os/as representantes do persoal forzaron a entrada no edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para exixir a reactivación urxente desa mesa despois da sentenza que declara ilegal a prórroga das instalacións na ría de Pontevedra.