Piden actuación contundente do administrador concursal de Halago diante das “incongruencias” no ERE
Os traballadores/as de Halago proseguen coas mobilizacións mentres se desenvolve o período de consultas do que en dous días pasou de ser un ERE extintivo a un ERE parcial. Unhas xuntanzas para as que a empresa presentou unha documentación que, segundo a CIG de Compostela, está ateigada de contas “incongruentes”, confusión patrimonial e xustificacións pintorescas como que os/as traballadores/as cobran moito e diante da que reclaman unha actuación contundente do administrados concursal.
Segundo explica o secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, a documentación aportada pola empresa na primeira xuntanza, que tivo lugar o pasado día 9, “non permite clarificar absolutamente nada sobre o futuro da mesma”. Nesa documentación, a petición que a empresa lle realiza á xuíza do mercantil é a dun ERE extintivo para o 100% do cadro de persoal. “Porén, noutras partes desa mesma documentación, e de maneira ambigua, fala de posibilidades de continuidade do proxecto ou de marcha escalonada dos traballadores e traballadoras que xeran dúbidas nese sentido”.
Nesa proposta modifícase o propio obxecto do ERE presentado diante do xulgado do mercantil, xa que o converte nun ERE parcial
Diante diso, o primeiro que se solicitou nesa xuntanza, por parte da representación social, foi unha clarificación da situación antes da seguinte. Aclaración que chegou ás 18:00 horas do pasado martes día 10, cando estaba prevista esa segunda xuntanza para o mércores ás 11:30 horas. “Nesa proposta modifícase o propio obxecto do ERE presentado diante do xulgado do mercantil, xa que o converte nun ERE parcial”.
Noceda matiza que, se ben é certo que no decurso dunha negociación pode haber modificacións, e que se minore o impacto do ERE, o que estraña é que neste caso ocorra en menos de dous días. A isto engade que máis estraño aínda é que “esa nova documentación entregada é idéntica a recollida no ERE que a empresa entregou en marzo de 2015 para xustificar un ERTE que logo foi anulado polo xulgado do Social de Compostela no mes de outubro”.
Incongruencias na documentación
Por iso, na xuntanza celebrada o día 11 de xaneiro, o que se demanda da empresa é información para “intentar aclarar as incongruencias existentes entre a documentación que se presenta para xustificar o que inicialmente era un ERE extintivo e a entregada para o ERTE de 2016”.
O secretario comarcal da CIG de Compostela lembra que daquela Halago entregou só a contabilidade até o 30 de novembro de 2015, malia por parte da representación social exixir as contas anuais completas ao estar o ano rematado. Subliña ademais que, segundo esa documentación, a conta de explotación a 30 de novembro, presentaba unha perdas de 110.000 euros e no capítulo doutros ingresos aparecen 300.000 euros.
Porén, na documentación entregada agora aparece un dato rechamante. “No diferencial de só un mes, no que vai de 30 de novembro a 31 de decembro de 2015, nas contas de explotación figuran unhas perdas de máis de 1.400.000 euros, ou sexa, 1.300.000 euros máis do comunicado para ese ERTE. Desaparecen ademais, no capítulo doutro ingresos eses 300.000 euros. Se cadra no mes de decembro atoparon facturas por 1.300.000 euros e se é así, que nolo expliquen”.
Empresas vinculadas
Xunto a isto, do informe presentado polo administrador concursal dedúcese que hai unha empresa claramente vinculada con HALAGO, que é Eleven Logística, posibilidade que apunta o propio administrador ao Xulgado do Mercantil. “Resulta que a administradora única desa empresa é F.Fernández, que ten o 30% das accións de Halago e que é á súa vez nai dos administradores únicos de Halago”.
Por iso Noceda considera que os datos económicos entre empresas vinculadas deben figurar na memoria de contas anuais de 2015. “Non figura, por exemplo, un movemento económico significativo que se produce en decembro de 2015 entre estas empresas e debería”.
Ademais, o secretario comarcal da CIG-Compostela denuncia que novamente, e para xustificar o actual ERE, a empresa volve presentar as contas, desta volta de 2016, pero só até o 30 de outubro. “O ano acabou e queremos a contabilidade completa dos dous últimos anos: 2015 e 2016 e con este precedente aínda máis. Non podemos, nunha situación como esta, cun incremento de 1.300.000 euros da débeda dos custos da explotación e coa desaparición de case 300.000 euros no capítulo doutros ingresos –o que arroxaría unha diferenza de case 1.600.000 euros-, avalar un ERE sen a clarificación deses datos ”.
Salario elevados
Para Noceda é tamén “un disparate” a argumentación que se defende no groso da documentación: “que os traballadores da planta de Santiago cobran moito”. A este respecto, na última xuntanza, por parte da parte social especificouse que “os traballadores de Santiago teñen estas condicións porque lles corresponde legalmente e a empresa xa as coñecía cando se fixo cargo deste proxecto empresarial”.
Xunto a isto, lembrouse que porén, non se ten en conta o montante económico ao que ascende o salario de tan só catro asalariados da empresa, dous deles administradores únicos, e que representa o 25% dos custos salariais. “Pero é que ademais, os custos de só un deses asalariados ascendería a máis do 10% dos custos salariais globais. Iso parece ser insignificante para valorar a competitividade da empresa no mercado”.
Ao entender de Noceda, tampouco se valora, cando se fala de causas produtivas, a partida económica de compras, que xa en anos precedentes ascendía a 15 millóns de euros sobre facturacións de arredor dos 19 millóns de euros. Máis cando se dá a casualidade de que dese total, uns 6,5 millóns de euros das compras –que en 2014 supoñen aproximadamente un 40%- se realizan a empresas vinculadas que HALAGO ten en Portugal: Pastelnor e Milteica. Dúas empresas cuxas accións se reparten ao 100% con HALAGO ou ben con HALAGO e os socios de HALAGO.
Cando en 2015 a facturación baixa a uns 15 millóns, o voume de compras sitúase nuns 12 millóns, manténdose porén o volume de compras na mesma contía que en 2014, o que supón un incremento da porcentaxe de compras sobre o conxunto. “Por iso entendemos que isto tamén merece unha explicación”.
Demanda de contas consolidadas
Esta situación, que se dá coas empresas vinculadas en Portugal, xunto cos datos aportados polo administrador concursal respecto de Eleven e outra empresa, CIFERSA, onde a administradora única volve ser F.Fernández, leva á parte social a exixir as contas consolidadas e individualizadas das empresas vinculadas. “Entendemos que son imprescindíbeis para entender que é o que ten acontecido no proxecto empresarial. Temos que saber se hai viabilidade ou non e se hai recursos ou non no proxecto empresarial e onde están”.
Noceda entende ademais que “se son vinculadas, xa se terían producido irregularidades na presentación da memoria anual”. Ademais considera que non vale a desculpa de que como dúas desas empresas operan fóra do Estado español a lexislación non os obriga porque “o volume de compras é tan elevado e sostido no tempo que, se non o queren pór enriba da mesa é porque queren agochar cousas”.
Está é unha demanda que queren que se poña en coñecemento da xuíza do mercantil para que se incorpore como documentación do actual expediente. Xunto a isto solicitan tamén documentación dos tres últimos anos, e que se transmita isto ao Xulgado do Mercantil, dos censos laborais e os períodos traballados polos traballadores/as que foron contratados por CIFERSA e Eleven. “temémonos que hai coincidencias entre os traballadores desas dúas empresas e os contratados en Halago, Pastelnor e Milteica e non descartamos pedir que antigüidades teñen recoñecidas nelas”.
Noceda conclúe considerando que, diante desta situación, non se pode falar de que tipo de ERE é posíbel sen clarificar se existe, ou non, confusión patrimonial porque de haber entramado empresarial tería que haber continuidade do 100% do proxecto ou indemnización dos traballadores/as como se fose un despedimento improcedente, non cabería ERTE e o Estado non tería que pagar un peso”.
O secretario comarcal da CIG de Compostela matiza ademais que todos estes indicios xorden da propia documentación presentada pola empresa, non son datos dos traballadores/as, e que isto debería levar ao administrador concursal a actuar de forma “clara e contundente” demandando á xuíza a nulidade do proceso.