A CIG demanda a Vestas a retirada do ERE para facilitar a busca dunha solución industrial
Na reunión que tivo lugar este martes, a CIG reclamoulle a Vestas que retire de inmediato o ERE de cara a facilitar o traballo da mesa industrial e a busca de solucións "sen a contra atrás que implica estarmos de cheo no período de consultas". Ao tempo, a central instou a Xunta de Galiza a pór en marcha todas cantas medidas sexan necesarias para evitar que a multinacional danesa aplique o despedimento colectivo e peche a fábrica de Viveiro.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na xuntanza celebrada en Santiago, valorou como fundamental a paralización do ERE, "pois do contrario dificilmente se poderá crear un clima de boa fe e crer na vontade que expresa Vestas de acadar solucións e de establecer un diálogo amigábel, mais cando existe unha vontade manifesta das administracións públicas neste sentido e toda a sociedade da Mariña reclama a continuidade dos postos de traballo".
Carril salientou que o feito da empresa non querer seguir coa actividade non pode supor o peche da factoría "e hipotecar calquera futuro produtivo". Por iso, apelou á responsabilidade do Goberno galego para frear esta nova desfeita na comarca da Mariña, atendendo as competencias en materia industrial e de emprego das que dispón.
No mesmo sentido, considerou intolerábel que en pleno proceso de transición enerxética, "de absoluto frenesí de electrificación da economía" ao abeiro do que Galiza vive unha ofensiva enerxética colonizadora coa implantación de macro parques eólicos, se destrúa impunemente o tecido produtivo e os empregos na actividade relacionada con este sector.
"Neste proceso de implantación das renovábeis, que se está facendo cun gran impacto social, ambiental e económico, Galiza ten que poder tirar proveito desta actividade e debemos ter un papel relevante na fabricación de todos os compoñentes", afirmou Carril.
Denunciou que a falta de políticas e de intervención pública nos distintos sectores da economía permítelle a Vestas acometer un despedimento colectivo como este e, ao tempo, seguir levando o mantemento de parques eólicos en Galiza e ser socio tecnolóxico das operadoras enerxéticas.
Isto ocorre, alertou Carril, porque non se obriga ás empresas a que a instalación masiva de eólicos leve ligados proxectos industriais para a súa implantación, mais tamén porque continúa plenamente vixente a reforma laboral que deixa nas mans das empresas todo o poder de decisión sobre os despedimentos colectivos. "Estamos ante un novo exemplo da necesidade urxente de derrogar á integra as reformas laborais de 2012 e a de 2010", reclamou.
Manifestación do persoal en Compostela
Previamente á reunión da mesa industrial (na que participa a Xunta, o goberno español, a empresa e a representación sindical), os traballadores e as traballadoras manifestáronse polas rúas de Compostela para rexeitar o ERE e esixir solucións que garantan a continuidade industrial e o mantemento de todos os empregos. A marcha saiu do centro comercial As Cancelas, pasou polo edificio administrativo de San Caetano e rematou na EGAP, onde tivo lugar a xuntanza.