A CIG demanda a reapertura inmediata do SMAC de Viveiro
A CIG concentrouse este mediodía diante dos xulgados de Viveiro para reclamar a reapertura do Servizo de Mediación, Abitraxe e Conciliación (SMAC), que está inoperativo dende que se declarou o estado de alarma o 14 de marzo de 2020. O responsábel da Unión Local da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, sinala que a central nacionalista leva tempo demandando a recuperación deste servizo e que esta tamén formaba parte das reivindicacións da folga xeral da Mariña do pasado mes de novembro.
Caldeiro explica que na xurisdición laboral a conciliación, que ten lugar no SMAC, é unha fase previa ao proceso xudicial que constitúe o intento de alcanzar un acordo satisfactorio para ambas as partes en relación co contrato de traballo asinado entre a parte empresarial e a persoa traballadora, en materia de despedimentos, sancións disciplinarias, contías salariais ou recoñecemento de dereitos en xeral.
Con motivo da declaración do estado de alarma en marzo de 2020, as conciliacións no SMAC suspendéronse até o 22 de maio dese ano, data na que se retomou a celebración de conciliacións cun sistema de cita previa e seguindo os protocolos especificos de protección fronte á Covid19.
Proceso de centralización dos servizos
Porén, denuncia Caldeiro, o SMAC de Viveiro permaneceu pechado, "obrigando a traballadores e traballadoras, así como empresarios e empresarias, profesionais do dereito, de asesorías sindicais ou de bufetes e xestorías da Mariña, a desprazarse até Lugo para cumprir con esta fase do proceso, o que supón un custo engadido tanto en cartos como en tempo".
Neste senso, o responsábel da CIG da Mariña enmarca o peche do SMAC no proceso de centralización que padece a comarca e que non só afecta aos servizos públicos (caso claro é a perda da área sanitaria ou da tesoureira da Seguridade Social), senón tamén a servizos privados, como o peche das oficinas bancarias.
No caso concreto do SMAC, o Concello de Viveiro trasladoulle unha consulta en abril de 2021 á Xefatura Territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, da que depende este servizo, que respondeu que estaba previsto o restablecemento do servizo no municipio “en canto as circunstancias actuais o fagan aconsellable”.
Parece obvio que "dous anos despois do seu peche e un ano despois da comunicación da Consellaría, as circunstancias cambiaron o suficiente para que este servizo se recupere de inmediato, polo que solicitamos a reapertura do SMAC de Viveiro".