A CIG demanda a liberación das persoas detidas nas protestas contra a Lei de Bases e o cese das persecucións na Arxentina
A CIG fai pública a súa solidariedade coas protestas sociais que se están a producir na Arxentina, e coas organizacións que as convocan, e esixe ás autoridades a liberación inmediata e sen restricións para todas as persoas detidas durante a masiva mobilización do pasado mércores, 12 de xuño, contra a sanción da denominada “Lei de Bases”, exercendo o seu dereito democrático e constitucional á manifestación.
A maioría das detencións producíronse a máis de dez rúas da Praza Congreso, nun momento no que a xente se dispersaba, e tras recibir un aluvión de gases lacrimóxenos e balas de goma das forzas federais e do goberno da Cidade de Bos Aires. Ademais, hai constatación de que as persoas privadas de liberdade recibiron malos tratos durante a súa detención.
Así mesmo, a CIG repudia e esixe firmemente a fin da criminalización das organizacións políticas, sociais e sindicais que, por ter participado na devandita mobilización, foron tachadas de “terroristas” polo Executivo e acusadas de “intento de golpe de Estado”. Acusacións totalmente absurdas e infundadas.
Durante a manifestación do 12 de xuño, as forzas de seguridade non só reprimiron a columnas de manifestantes que exercían o seu dereito constitucional a protestar, senón tamén aos deputados e deputadas nacionais, algúns dos cales resultaron feridos pola acción das forzas da orde estatal.
O Goberno de Milei e Macri está a recuperar métodos tradicionais, máis propios das ditaduras, e reprimindo violentamente as lexítimas protestas das clases populares contra as medidas neoliberais e os recortes sociais e de dereitos democráticos que está a aplicar.
A CIG exixe o cesamento inmediato desta campaña de persecución contra os/as que se opoñen á política do Goberno de Milei e o respecto sen restricións aos dereitos e garantías vixentes.
En Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024.