A CIG demanda a convocatoria da mesa de negociación do convenio de hostalaría
A sinatura do convenio de hostalaría da provincia da Coruña estaba prevista, tal e como consta en acta levantada o 22 de xuño, antes de chegar ao mes de agosto, en concreto o día 12 de xullo, en Compostela.
Segundo a acta asinada por todas as partes, patronais e sindicais, o acordo contaba coa aprobación de CCOO, UGT e da patronal no seu conxunto. A CIG mantíñase á marxe por considerar insuficientes as subas salariais, inferiores en máis de 2 puntos ao IPC consolidado en 2021.
Con estes vimbios, e tal como e explica a CIG-Servizos, “todo estaba cociñado para que o 12 de xullo en Compostela se asinase un novo convenio tras 6 anos do anterior e 3 de conxelación salarial”.
A central sindical denuncia que, porén, a última hora souberon, “por motivos nunca aclarados publicamente”, que o convenio se adiaba a causa dalgunha desavinza que “con total escurantismo se nos agocha”.
Claridade a todas as partes
Por iso a CIG-Servizos exixe claridade a todas as partes. Lembra que a súa discrepancia co convenio viña dada “non por entender que non contemplaba melloras, senón porque non somos partidarios de entrar nun convenio que sobe o salario menos da metade da suba do IPC”.
Entende, en todo caso, que “é o momento de pedir seriedade e responsabilidade”. E demanda que, xa que non se asinou como estaba previsto, se convoque de inmediato unha reunión da mesa para renegociar o convenio e tratar de mellorar as condicións salariais do sector que presenta maiores índices de precariedade do mercado laboral.
Denuncia que “non se pode xogar, menos a día de hoxe, cos salarios, que apenas dan para comer ás familias das traballadoras e traballadores”. E conclúe que “é urxente sacar adiante un verdadeiro convenio para que se actualicen os salarios e o persoal poida facer fronte á grave situación económica derivada da suba de prezos xeneralizada”.