A CIG demanda a cinco Concellos ourensáns por violación do dereito á igualdade no proceso de selección de persoal
O inicio das demandas remóntase ao pasado 9 de xullo, cando se publicaron no BOP de Ourense e na páxina web da Deputación Provincial sete resolucións das Alcaldías de Laza (3), Oímbra (1), Monterrei (1), Cualedro (1) e Vilardevós polas que se aprobaron as bases para contratar persoal temporal. En concreto tratábase fundamentalmente da contratación de traballadores/as das brigadas de incendios, mais tamén de monitores/as, albaneis e outras profesións.
Por medio destes anuncios tamén se convocaron os procesos selectivos correspondentes, “conferindo aos interesados/as o exiguo prazo de tres días hábiles para presentar as súas solicitudes, advertindo, na maioría dos casos, que as bases reguladoras das convocatorias estarían publicadas nas webs dos Concellos ofertantes ou nos taboleiros de anuncios”. O que significa, tal e como denuncia a CIG, que se fixo sen publicarse, como impón a lei, en Diarios Oficiais.
Na central consideran que os Concellos demandados “deseñaron unha carreira de obstáculos coa finalidade de agochar aos cidadáns/ás en xeral as convocatorias, reducir ao máximo a súa difusión pública, dificultar a obtención das bases reguladoras e, en definitiva, quebrar o principio de igualdade, co obxecto de reservar os postos de traballo públicos pra un grupo reducido de escollidos/as”.
Neste senso, lembran que os textos das bases reguladoras das convocatorias, malia que deberon ser inseridos en boletíns oficiais como establece a lei, non se publicaron máis que nos taboleiros de anuncios dos Concellos, webs municipais ou da Deputación provincial. “Aínda por riba, tendo sido publicados os anuncios o 9 de xullo varias webs non fixeron públicas as bases de contratación até o día 11, e iso con só tres días de prazo para a presentación de solicitudes”.
Na maioría das bases reguladoras publicadas outórgaselle 0,25 puntos por mes e un máximo de catro puntos a quen acredite a prestación de servizos previa para o propio Concello ofertante; fronte aos 0,10 puntos por mes e un máximo dun punto a quen acredite a prestación de servizos nalgunha das demais Administración públicas, “tornando tal criterio discriminatorio por razón de residencia e emprego”.
Ademais, prevese a realización da denominada entrevista persoal, consistente na avaliación duns supostos méritos específicos (indemostrábeis obxectivamente). “En realidade, esta entrevista persoal, baixo a aparencia dunha segunda avaliación de méritos, non é mais que o típico apaño para facer o encaixe pretendido e adxudicar o posto a quen se prefire”, critican.