A CIG defenderá este martes, no Parlamento, a ILP en demanda dunha tarifa eléctrica galega
Atrás quedan meses de traballo nos que se recolleron máis de 18.000 sinaturas (das que finalmente foron validadas 17.835) e nos que se promoveu un amplo debate social. A CIG presentou a ILP como moción en concellos de toda Galiza e nas Deputacións Provinciais e conseguiu o apoio da de Pontevedra, Lugo e Coruña. Ademais conseguiu o respaldo dos plenos de máis de 50 concellos, entre eles os de 6 das 7 grandes cidades, e está pendente de ser debatida aínda en outros moitos.
A CIG decidiu impulsar esta ILP reclamando unha tarifa eléctrica galega porque para Galiza o sector enerxético é estratéxico, tanto polo seu peso no PIB, como pola súa importancia económica e social.
A central sindical entende que malia Galiza exportar grande parte da enerxía eléctrica que produce, en torno ao 40%, porén non recibe ningún beneficio, malia ter importantes repercusión negativas do punto de vista social e medioambiental. Neste sentido lembra que detrás da produción temos vales fértiles asolagados, desprazamento de poboación e contaminación derivada da actividade das centrais térmicas.
Por iso defende que para compensar estas consecuencias negativas a enerxía sexa no noso país máis barata para facilitar a instalación de industrias e garantir o acceso de toda poboación a este ben básico.
A este respecto, cando a ILP foi presentada, o secretario xeral, Suso Seixo, denunciou que “nestes momentos, e como consecuencia da crise económica, hai unha parte importante da poboación, en torno a un 18%, que está en situación de pobreza enerxética e ten moitas dificultades para pagar enerxía sobre todo nos meses de inverno”.
Negativas consecuencias para a economía galega
A CIG sinala que o sector enerxético está regulado a nivel de estado e que se fixa unha tarifa única que inclúe toda unha serie de peaxes que teñen que ver co transporte e distribución desa enerxía “que os galegos pagamos cando a producimos ao noso carón”.
Denuncia as consecuencias que isto ten para as empresas que son grandes consumidoras de enerxía eléctrica e o perigo de que isto poida mesmo provocar o peche dalgunha delas e, en consecuencia, a perda de máis emprego.
Ante esta situación conclue que “o lóxico sería, polo tanto, que sendo produtores e excedentarios os galegos e galegas puidésemos gozar dunha tarifa eléctrica máis baixa que facilitara que as nosas industrias foran máis competitivas. Iso rebaixaría os custos de produción desas industrias e a implantación de moitas outras o que suporía un beneficio económico para o país e favorecería a creación de emprego para que a nosa mocidade non siga condenada á emigración”.
Para defender esta proposta a CIG sinala que hai territorios en Estados da UE que teñen tarifas eléctricas diferentes e que en 2013, cando se aprobou a Lei de Enerxía, o goberno vasco asinou un acordo co PP que estabelece unha condición específica para Euskadi en relación coas redes de alta tensión que abarata a enerxía.