A CIG defende cambios nos orzamentos de 2019 para mellorar as condicións laborais e de vida das galegas e galegos
O conselleiro de Facenda presentou esta mañá as liñas xerais dos orzamentos da Xunta de Galiza para 2019 ás organizacións sindicais. Unha xuntanza que a CIG cualifica de “mero trámite”, convocada sen proporcionar documentación previa algunha, na que se constatou que se manteñen as políticas económicas de anos anteriores que “non permitiron sequera paliar a grave situación que padece a clase traballadora galega”.
Así o valorou a secretaria de Organización, Susana Méndez, que representou á central sindical na reunión, xunto coa responsábel do Gabinete de Economía, Natividade López Gromaz ao remate da xuntanza na que manifestou a sorpresa da CIG pola actitude do PP que “agora parece que quere facer unha axenda galega fronte á do estado”. Actitude que considerou máis un “postureo”, aínda que lle deu a benvida polo “atrevemento de estirar a legalidade. Agardamos que ese atrevemento se traslade a outras cuestións cruciais para Galiza como pode ser a exixencia dunha tarifa eléctrica propia, por exemplo”.
Elemento propagandístico
Con todo, a secretaria de Organización considerou que a precipitación na presentación dos orzamentos galegos, antes de se coñecer os do Estado, é realmente un elemento propagandístico máis “para confrontar co goberno español, e dar a sensación de seriedade fronte á de inestabilidade".
Así o manifestou ademais na xuntanza na que adiantou a oposición da CIG a que se aproveite a Lei de Acompañamento para “lexislar pola porta de atrás”, como adoita facer o goberno de Feixóo “introducindo a través deste mecanismo modificacións de leis consolidadas, que normalmente son modificacións para peor, sen o debate previo que si teñen as leis en trámite parlamentario”.
Por iso advertiu que “na CIG, non tragamos con que se nos queiran presentar uns orzamentos que en aparencia están suxeitos a consulta, pero que despois na realidade implican unha vía lexislativa perversa para cambiar leis abstraéndose do control de ningún organismo. Isto é unha fraude”.
Non son os orzamentos que Galiza precisa
Méndez lembrou que xa o ano pasado a central sindical valorou que os orzamentos que se presentaron para o ano 2018 non contiñan medidas destinadas a atallar a grave situación pola que pasa a maioría da poboación galega.
Por iso afirmou que “se os orzamentos que se presentan agora para o ano 2019 se asentan nas mesmas liñas dos de 2018, desde logo, e inda sen poder avaliar na totalidade os resultados por non estar rematado o exercicio, coidamos que non son os orzamentos que Galiza precisa, non serven para modificar a situación en parámetros como o emprego, o devalo demográfico, ou a dependencia. Moi ao contrario”.
Neste sentido subliñou que malia acadarse, no ano 2017, practicamente o mesmo volume de actividade económica- medida a través do PIB-, que no ano 2008, “non se recuperaron nin os niveis de vida nin de emprego anteriores a esta”. A este respecto apuntou que temos unha perda de participación das persoas asalariadas no PIB de máis de 4 puntos desde o ano 2008 e denunciou que “contra o que o presidente Feixó anunciou no Parlamento, os datos que amosa o Instituto Galego de Estatística retratan unha realidade moi distinta: entre 2009 e agora hai 69.100 persoas menos de poboación activa; 102.700 menos de poboación ocupada; 55.813 menos afiliados á Seguridade Social e 17.400 persoas desempregadas máis”.
Xunto a isto denunciou tamén que os empregos temporais pasaron a ser a norma en todos os sectores, incluído o sector público, xa que desde o ano 2012 se reduciron en 20.000 as persoas asalariadas con contrato indefinido e aumentaron en máis de 36.000 as de contrato temporal; que malia reducirse a poboación ocupada, ano tras ano aumenta o número de contratos rexistrados, acadando un máximo histórico todos os anos.
Un incremento que só é posíbel porque máis do 90% deses contratos son temporais e máis do 35% cunha duración inferior á semana. “Así, medrou a poboación asalariada con xornadas parciais –nomeadamente, no caso das mulleres- e descendeu fortemente a taxa de cobertura das persoas paradas”.
Méndez manifestou tamén a preocupación da CIG pola calidade do emprego, con toda esta precariedade, nomeadamente, no caso das mulleres. Neste sentido, e con respecto aos orzamentos do 2018, valorou como moi preocupante que algunhas partidas destinadas a programas de mellora do emprego estean aínda a niveis que supoñen metade que a comezos da crise.
A esperanza do Xacobeo
A secretaria de Organización trasladou ademais a preocupación da central sindical pola consideración do PP do Xacobeo como unha oportunidade para Galiza. Así afirmou que “o turismo pode ser un incentivo, pero non a base da economía, porque favorece precisamente o emprego precario e temporal no sector Servizos, pero non senta as bases dun modelo de economía produtiva que permita a creación de emprego estable e de calidade, nin que se free a sangría da emigración ou a caída demográfica que padece Galiza”.
Sangría migratoria
Abondando nesta cuestión, sinalou que, aínda que a perda de poboación activa ten máis dunha explicación, esta “débese en parte á emigración, que volveu instalarse no noso país como en épocas pasadas” e preguntouse cal sería a taxa de paro actualmente “se non tiveran emigrado desde comezos da crise máis de 150.000 persoas, por certo, na súa maioría mozas”.
Cos datos do mes de setembro na man asegurou que a CIG ten detectado que a caída da afiliación á seguridade social (6500 persoas afiliadas menos) é moi superior ao aumento de paro rexistrado, algo que, dixo, “afonda nesa preocupación”.
Respecto da situación demográfica do país, lamentou a ausencia de medidas reais para frear a perda de poboación mais lembrou que “sobre a cuestión demográfica xa respostou o presidente no Parlamento, ao recoñecer que é a súa materia pendente”.
Xunto a esta apuntou tamén como materia pendente a dependencia cando “máis de 1500 persoas que teñen solicitado o recoñecemento do grao de dependencia seguen agardando por unha resolución, e das máis de 67.000 que teñen recoñecido o grao e a prestación de servizos, aínda perto de 12.000 seguen sen obter a prestación da que son beneficiarias”.
Conciliar
Susana Méndez vinculou precisamente isto coa cuestión demográfica, porque eses datos evidencian a falta de políticas de conciliación e a escaseza de recursos que hai para poder conciliar. “Se non hai recursos para atender a dependencia, nin para atender as crianzas, e se unha boa parte da mocidade se ve obrigada a emigrar por non atopar aquí a estabilidade laboral que necesitan, como vai mellorar o índice demográfico”, preguntouse.
Por iso concluíu que se os principios orzamentarios, a súa filosofía e as súas partidas van na liña das do ano pasado, van dar no mesmo resultado e agardou un cambio na liña dos orzamentos, unha aposta firme pola mellora na calidade do emprego e polas medidas que permitan conciliar, que favorezan non só a mellora do nivel de vida da sociedade e a desaparición dos nichos de pobreza, senón tamén un cambio demográfico.