A CIG de Vigo pon en marcha unha campaña para reclamar “emprego digno na nosa terra”
A CIG-Vigo celebrou esta mañá a primeira das accións reivindicativas que fan parte da campaña de protestas que desenvolverá nas próximas semanas e que inclúe a convocatoria dunha manifestación comarcal o vindeiro martes día 20. Varios centos de delegados/as da central analizaron a situación sociolaboral da bisbarra nunha asemblea na que participaron os secretarios xeral, comarcal e nacional da federación de Industria.
O primeiro en tomar a palabra foi o máximo responsábel da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, que alertou de que a situación de crise que padece a bisbarra ameaza con convertela “nun deserto industrial”. Fronte a isto, reclamou unha verdadeira política industrial que apoie os principais sectores produtivos (naval, automoción, construción, pesca, etc) mediante o fomento da iniciativa pública.
Gonçalves criticou que a propaganda gubernamental do PP, “sobre todo en época electoral”, non deixe de repetir que xa saímos da crise e estamos en período de recuperación, “cando continuamos a sufrir un elevadísimo desemprego que atinxe a preto de 80.000 persoas na nosa comarca, moi por enriba das estatísticas oficiais, e unhas condicións laborais duras e precarias”.
Segundo denunciou, esta situación é consecuencia das políticas antiobreiras e de recortes aplicada polo PP dende a Xunta e dende Madrid ao ditado da Unión Europea e da Troika, que agravaron a crise en beneficio do empresariado e da banca privada. Así, sinalou que medidas como as reformas laborais de PP e PSOE só lograron eliminar dereitos e bloquear a negociación colectiva para favorecer a patronal. “Temos que mobilizarnos para facerlle fronte ao desemprego, á precariedade e ao empobrecemento que nos impoñen as políticas da dereita e conseguir mediante a loita na rúa e nos centros de traballo unha mudanza radical nestas políticas”.
A continuación falou o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, que aproveitou para facer un repaso sobre as principais problemáticas que afogan o sector naval galego, en especial o da Ría de Vigo. Aboi considera especialmente preocupante a situación de crise que padece unha industria estratéxica para o noso país e censurou que o PP teña recoñecido que non vai facer nada para garantir a súa supervicencia. “O caso de Vigo é gravísimo, xa que se perderon uns 10.000 empregos en nove anos, quedando na actualidade menos de 1000 traballadores/as no sector”.
Aposta pola mobilización
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, foi o encargado de pechar as intervencións antes de abrir unha quenda de palabras entre os asistentes. O máximo responsábel da central nacionalista realizou unha explicación xeral sobre o contexto da crise, que achacou ao propio sistema capitalista. “O que está en crise é o sistema, polo que as marxes de beneficio na economía produtiva son cada vez menores, o que fai que se bote man da economía especulativa”.
Seixo lembrou que fronte a esta situación as empresas multiplican os mecanismos para aumentar o seu lucro, xa sexa mediante a fraude fiscal, a privatización de servizos públicos ou o empeoramento das condicións laborais. Neste senso, fixo especial fincapé no interese da patronal en rematar coa negociación colectiva co obxectivo de individualizar as relacións laborais e fomentar a división da clase traballadora. “Pretenden centralizar os convenios a nivel estatal para reducir a posibilidade de que poidamos incidir neles e melloralos”.
Diante disto, apostou por continuar coa mobilización social nas rúas e nas empresas e por seguir a achegar as alternativas da CIG, como o cento de medidas para o desenvolvemento económico e a creación de emprego que a central recolleu nunha Iniciativa Lexislativa Popular que o PP tumbou cos seus votos no Parlamento galego.
Finalmente, reivindicou a necesidade de que o noso país conte con plena soberanía política “fronte á concentración de poder en institucións cada vez máis alonxadas da cidadanía” e reclamou que as institucións máis próximas, como o Parlamento galego, poidan decidir plenamente. Para isto, considera imprescindíbel apoiar as organizacións sindicais e políticas galegas.