A CIG de Vigo lamenta unha nova morte en accidente laboral e insta a adoptar medidas concretas e urxentes
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, lamenta a nova morte en accidente laboral que tivo lugar no día de onte no Porriño, no que perdeu a vida un operario de 39 anos. Para o responsábel sindical trátase dun feito “triste e moi grave que serve de evidencia do alcance brutal que a sinistralidade laboral ten en Galiza e que se fai notar con dureza na nosa comarca”, polo que demanda medidas concretas e urxentes para facerlle fronte, tendo en conta que “unha persoa traballadora galega ten o dobre de posibilidades de morrer nun accidente laboral ca unha do resto do Estado español”.
Gonçalves lembra que só no primeiro semestre deste ano 2022 perderon a vida no traballo 45 persoas. “Trátase da cifra máis dura dunha realidade inaceptábel, xa que en apenas os seis primeiros meses deste ano rexistráronse case 14.000 accidentes laborais, un 25% máis que no ano anterior”. Considera que o que está a acontecer responde a un gravísimo problema estrutural que está claramente relacionado coa ausencia dunhas políticas públicas efectivas en materia de prevención de riscos e de inspección laboral.
“A inoperancia da Xunta do Partido Popular nesta cuestión supón en si mesma un grave risco para a saúde e a vida das persoas traballadoras, polo que dende a CIG temos esixímoslle ao Goberno galego que poña en marcha de xeito urxente medidas concretas, como avanzar cara a un marco galego de relación laborais e de políticas de saúde e seguridade no traballo, facilitando os recursos económicos, técnicos e humanos necesarios para protexer a clase traballadora”, sinala.
O secretario comarcal da CIG-Vigo aposta tamén por mellorar a coordinación entre os servizos sanitarios e os dispositivos públicos de prevención, así como por demandar a transferencia de recursos e competencias en materia de Inspección de Traballo. “ Mentres isto non se fai efectivo hai que reclamar un reforzo substancial no número de inspectores/as”.
Derrogar a lexislación laboral
Tamén entende fundamental reactivar e potenciar o protocolo marco de actuación estabelecido coa Fiscalía galega especializada en materia de prevención de riscos laborais e elaborar un Plan Galego de Seguridade e Acción Preventiva e poñer en marcha unha Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2022-2027.
“E temos que insistir tamén na necesidade urxente de derogar a actual lexislación imposta polo PP que outorga atribucións e competencias delegadas ás Mutuas (entidades privadas) en materia de control da xestión pública da incapacidade temporal (IT), que fai prevalecer os intereses económicos das empresas sobre a saúde do seu persoal”.