A CIG fai resoar nas rúas de Vigo un novo berro de SOS pola supervivencia do naval
A CIG de Vigo non vai quedar impasíbel mentres o sector naval da comarca esmorece sumido nunha fonda crise que ameaza mesmo a súa supervivencia. Varios centos de persoas participaron hoxe nunha nova mobilización convocada pola central sindical baixo o lema 'SOS naval' para esixir solucións inmediatas que garantan o futuro do sector.
A marcha arrincou de Vía Norte pasadas as 19:00 horas e rematou diante da delegación da Xunta, onde o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, tomou a palabra para sinalar que o principal obxectivo da manifestación é esixir unha resposta “efectiva e urxente” por parte dos Gobernos galego e español diante da “situación límite” que atravesa o naval. “Unha actividade estratéxica, imprescindíbel, para o futuro industrial da comarca de Vigo e do conxunto de Galiza”, incidiu.
Mais matizou que este SOS polo naval, non é un “apelo desesperado” senón unha reivindicación “firme e contundente” en defensa do dereito a vivir dun traballo digno na nosa propia terra. “É un clamor vigoroso para reclamar medidas que blinden o naval e garantan o emprego; é o noso berro digno fronte ás políticas que, por acción ou por omisión, están provocando a desertización produtiva da nosa comarca”.
Lembrou que a CIG leva tempo alertando do momento crítico que atravesa o naval, co antigo Vulcano “nun impás cheo de incertezas”, con Barreras nun proceso concursal no que unicamente se van garantir 20 empregos e con Metalships sen apenas carga de traballo.
“E ao tempo seguimos a ver como se nos impoñen cada vez condicións laborais máis precarias, afondando na temporalidade, no abuso da subcontratación, a través dun modelo de estaleiros de síntese que xa se demostrou rotundamente fracasado”.
Unha situación que para o dirixente sindical ten responsábeis e culpábeis. No caso de Barreras, “asistimos nos últimos dez anos a unha sucesión de desastres”. Primeiro da man do grupo García Costas, logo co “fiasco” Pemex e agora coa saída “ruinosa” de Ritz Carlton. “Un empresariado privado cunha xestión nefasta e envolto en sombras de corrupción, que foi incapaz de poñer en marcha as enormes potencialidades do maior estaleiro privado do Estado español”, lamentou.
E censurou que durante todo este tempo a Xunta non fixese absolutamente nada. “A súa única política coa industria de Vigo, e especialmente co sector naval, ten sido o máis deliberado e infame abandono”. Por iso non dubidou en cualificar “inútil” o Goberno galego, “xa que é incapaz de mover un só dedo para viabilizar un sector no que fomos unha verdadeira potencia”. Ao mesmo tempo, criticou que o único que recibimos dende Madrid foi a “indiferenza” dun Goberno español de PSOE e Unidas Podemos “ao que nada lles importa o naval de Vigo”.
Por iso, fronte ao “desleixo” de que ten por única política industrial “o monocultivo do Xacobeo”, a CIG segue a reclamar unha “enérxica intervención pública” que ofreza garantías, certezas e estabilidade ao naval.
“Temos que insistir na necesidade de defender o naval como un sector estratéxico e imprescindíbel na nosa comarca e en Galiza, xa que historicamente foi motor industrial que daba traballo non hai moitos anos a preto 15.000 persoas en Vigo e a súa comarca, que creou moita riqueza, e por iso que urxe adoptar as medidas necesarias para asegurar a súa continuidade e blindar o emprego”.
Insistiu en que o naval de Vigo pode e debe ter futuro, mais precísase de vontade política para despregar medidas concretas que resolvan dunha vez por todas a crise que atravesa:
-A posta en marcha dunha Mesa do Naval para a Ría de Vigo na que se aborden solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e do emprego no sector.
-Despregar unha enérxica intervención pública que permita a creación dun holding entre os distintos estaleiros e empresas auxiliares.
-Manter empregos estábeis e de calidade no sector.
-Apostar decididamente pola formación con condicións laborais dignas para a volta das persoas traballadoras emigradas.
-Superar o nefasto modelo de “estaleiro de síntese”, eliminando a precariedade das empresas e a excesiva subcontratación, incrementando os cadros de persoal fixos e estábeis nos estaleiros.
-Contratación de empresas da contorna para xerar riqueza na comarca.
-Diversificación da oferta para aumentar a carga de traballo.
En definitiva apelou á necesidade de despregar dunha vez por todas unha verdadeira política industrial que dende o público asegure o futuro do sector. “Con acción e feitos, e non apenas discursos, que poñan fin a esta nova reconversión encuberta que desertiza a nosa base produtiva e nos condena a un horizonte de precariedade, desemprego e emigración”.
Finalmente, quixo deixar mo claro que “non imos permitir que afundan o naval; non imos deixar que acaben coa nosa industria; imos defender o futuro industrial de Vigo con uñas e dentes, a través da mobilización, empuxando na práctica o legado das heroicas folgas de 1972 que demostraron nesta comarca que a forza da clase traballadora organizada é imparábel”.