A CIG de Vigo convoca unha nova manifestación en defensa do sector naval
A CIG de Vigo convoca unha mobilización en defensa do naval este xoves día 12 ás 11:30 horas dende Barreras até a delegación da Xunta na cidade. A finalidade desta mobilización é denunciar a situación dunha industria fundamental para a comarca e poñer o foco sobre a problemática que atravesan os dous principais estaleiros privados do Estado español: Barreras e Vulcano.
Dende a central reclaman un cambio de políticas por parte da Xunta e unha aposta clara por un sector que atravesa unha situación dramática. “Entendemos que a proposta que hai enriba da mesa para Barreras é un parche, xa que a solución non pasa por construír un único barco senón por manter unha carga de traballo que garante o futuro do sector e asegurar o pago da débeda á industria auxiliar”.
A CIG incide en que non hai que esquecer que o sector segue sumido nunha crise que mantén practicamente paralizada a actividade e considera prioritario buscar unha solución urxente que evite a desaparición da industria naval da Ría de Vigo.
“Non podemos quedar quietos a ver o que pasa como fan outras centrais sindicais; temos que saír á rúa para deixar moi claro que un sector fundamental para a nosa comarca non pode morrer; para que a comarca non se converta nun novo Detroit a Xunta, que ten plenas competencias nesta materia, ten que implicarse dunha vez por todas na busca dunha solución”.
Manifestación das auxiliares
Por outra banda, a federación de Industria da CIG de Vigo expresa o seu apoio á mobilización convocada para esta sábado 14 en Moaña ás 19:30 horas polo colectivo de pequenas empresas auxiliares do sector naval afectadas polos impagos dos principais estaleiros das rías de Vigo e Pontevedra, que se viron obrigadas a pechar a causa das débedas e das quitas de até un 80% e ás que agora Facenda e a Seguridade Social lles reclaman distintas cantidades.
“Non é lóxico que dende a Administración se lles reclame cartos a unhas empresas auxiliares que quebraron polos impagos derivados dunha mala xestión dos estaleiros para os que traballaban, como Barreras, Vulcano e Factoría Naval de Marín. Estas empresas foron penalizadas nos procesos concursais con quitas de até o 80% e agora vense obrigadas a cotizar por unhas cantidades que nunca facturaron”, sinalan.
Finalmente, dende a central entenden que o acontecido con estas empresas pode volver a repetirse como consecuencia das novas débedas de Barreras coa industria auxiliar. “Para evitalo hai que garantir a viabilidade do estaleiro para asegurar o pago das cantidades pendentes a estas empresas”.