A CIG de Vigo alza a voz contra a sinistralidade laboral “que golpea sen tregua” a clase traballadora

A central mobilizouse onte diante da CEP para denunciar a responsabilidade da patronal nos accidentes e a inacción da Xunta ante esta problemática
Vigo - 29 Abr 2025

Delegados/as sindicais da CIG e persoas traballadoras mobilizáronte onte diante da sede da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) en Vigo coincidindo coa celebración do Día Internacional da Seguridade e Saúde no Traballo para “alzar a voz contra a sinistralidade laboral que golpea sen tregua a clase traballadora”. A central sindical aproveitou a protesta para denunciar a responsabilidade da patronal nos accidentes e a inacción da Xunta ante unha problemática que non deixar de aumentar. 

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, tomou a palabra ao remate do acto para lembrar que con esta iniciativa que se repite por segundo ano consecutivo a central quere denunciar “con firmeza e indignación” a “inacción criminal” dunha Xunta do PP “que coa súa “desidia cronifica unha traxedia que nos mantén no podio da vergoña, xa que somos un dos territorios con maior índice de accidentes mortais no Estado”.

Mais sinalou tamén a responsabilidade da patronal -de aí que o lugar escollido para a mobilización fose a sede da CEP- pola súa falta de compromiso en despregar medidas preventivas “e por antepoñer sempre os seus beneficios á saúde e mesmo á vida das persoas traballadoras”.

Neste senso, considera que os datos son incontestábeis, xa que 58 persoas traballadoras perderon a vida no conxunto do Estado en 2024 (un 16% máis que no ano anterior). Segundo detallou, Galiza duplica a media estatal en mortes laborais, cunha taxa de 5,4 por cada 100.000 persoas traballadoras.

Ademais, apuntou que a precariedade laboral -cun aumento do 166% en mortes entre persoas con contratos temporais- é un “asasinato silencioso”. Por iso censurou que a Xunta, “cómplice desta barbarie”, promova contratos precarios -catro de cada dez persoas traballadoras temporais dependen dela- e “pecha os ollos” ante o incumprimento sistemático da normativa de prevención por parte das empresas. “As inspeccións son insuficientes; as sancións, inexistentes; e as campañas públicas de prevención, un simple conto”.

En consecuencia, esixiu melloras normativas, máis recursos para a Inspección de Traballo e o ISSGA, fiscalías e xulgados especializados e resolucións xudiciais áxiles. “Porque a prevención non é negociable, é un dereito irrenunciable”, rematou.