A CIG de Verín reclámalle ao Concello a contratación de máis axentes da Policía local
A CIG de Verín vén de reclamarlle ao Concello a contratación de máis axentes da Policía local diante do déficit estrutural que padece o servizo dende que o actual Goberno local accedeu á Alcaldía. Dende a central critican que a concelleira responsábel escuse a “falta de planificación, competencia e descontrol” do Concello no feito de que os sindicatos teñen recorridas as ofertas públicas de emprego.
Na CIG lembran que cando o actual alcalde, Gerardo Seoane, se fixo cargo do Concello en 2015 a Policía local contaba mesmo cun servizo nocturno. “Pero hoxe nin existe este servizo nocturno nin apenas existen efectivos policiais en Verín”. Xa que fronte aos 20-25 policías dos que dispoñen concellos como Xinzo de Limia e O Carballiño, Verín conta con 8 e/ou 10 efectivos, dependendo dos períodos de baixas, vacacións, etc.
Ao mesmo tempo, acusan a concelleira responsábel, Rosario Rodríguez, de botar man da “cerimonia da confusión” para agochar a “absoluta falta de planificación, competencia e descontrol” do Goberno local. Neste caso en materia de policía local, despois de que Rodríguez declarase nun medio local que non é posíbel sacar prazas de policía porque os sindicatos CIG e CSIF teñen recorridas a OPE do ano 2019, e a CIG tamén a do 2021.
Dende a central lembran que en 2019 propuxeron crear cinco postos de policía local, pero o Concello e os sindicatos pactaron finalmente que fosen tres. “Pero o grupo de Goberno tardou 15 días en rachar o acordo e reduciu as prazas a unha”. Decisión que foi anulada polo Xulgado do Contencioso.
Máis de 20 postos en tres anos
No que ten que ver coa OPE de 2020), a CIG propuxo crear oito postos de policía local, mais o Concello non creou ningún. Na de 2021 a proposta da CIG era de 10 postos de policía local. Neste punto a central ofreceulle ao Concello renegociar as OPE de 2019 e 2020 xunto coa de 2021 para crear postos suficientes para o cadro da Policía local. “Pero o Concello propuxo crear un posto e no aceptou a nosa proposta”.
En definitiva, a CIG propuxo crear, en tres anos, máis de 20 postos de policía local para poder equiparar o cadro de Verín a cadros doutras vilas semellantes como O Carballiño. Mentres que o Concello propuxo crear, no mesmo período, dous postos (“ofrecendo nalgunha ocasión crear un terceiro”).
Con todo, e para evitar confusións, a central sindical vén de entregar no rexistro electrónico do Concello unha oferta sobre as OPE e a Policía local, reclamando a convocatoria da mesa de negociación.