A CIG de Verín alerta da grave situación que sofre a veciñanza por mor da vaga de lumes
A Unión Local da CIG de Verín lamenta profundamente as consecuencias que para a poboación están a ter os lumes descontrolados que asolan a contorna e traslada aos membros das brigadas feridos, veciños da localidade, e ás súas familias toda a súa solidariedade.
O responsábel da Unión Local, Oscar Núñez, manifesta a súa indignación diante desta situación da que responsabiliza directamente á Xunta de Galiza que “mira para outro lado mentres os incendios arrasan, ano tras ano, o noso medio natural”.
Núñez denuncia a falta de políticas efectivas de prevención para manter os montes limpos e reducir a biomasa inflamable, algo clave para evitar a propagación de lumes, e denuncia tamén as políticas de abandono do rural do PP.
Considera que tampouco se adoptaron medidas ante os avisos dunhas condicións meteorolóxicas (vento intenso, seca extrema e temperaturas elevadas) ideais para a propagación de incendios.
Abandono do persoal
Con todo, o responsábel da Unión Local fai especial fincapé nas políticas de abandono do persoal, que traballa en condicións de risco extremo, sen medios suficientes e cunha formación inadecuada debido á improvisación na contratación.
Por iso, a CIG de Verín exixe “a investigación das causas que provocaron os gravísimos accidentes laborais que sufriron os nosos veciños” e que se penalice a irresponsabilidade dunha administración que coa súa falta de políticas de prevención pon en perigo ás persoas que traballan nos operativos de extinción.
Do mesmo xeito demanda medidas inmediatas para reforzar a seguridade das brigadas e dotalas de equipos e formación adecuados e a profesionanalización do persoal, porque as brigadas municipais non son profesionais, o que empeora a coordinación e a seguridade.
Reclama tamén un cambio radical na política forestal galega, priorizando a prevención, a xestión sostíbel do territorio e un rural vivo. Políticas que favorezan a conservación do noso patrimonio natural.