A CIG de Ourense solicita a retirada dun escudo do sindicato vertical franquista

Remitiulle un escrito á Subdelegación do Goberno español denunciando a existencia desta iconografía fascista nun edificio do Parque de San Lázaro
Ourense - 16 Out 2024

A CIG de Ourense vén de remitirlle un escrito á Subdelegación do Goberno español solicitando a retirada do escudo da Organización Sindical Española (OSE) -sindicato vertical do franquismo- que se atopa no edificio do Parque de San Lázaro que acolle a sede da propia CIG.

Dende a central sindical sinalan que na fachada principal do inmoble -no que tamén teñen a súa sede os sindicatos CCOO, UGT e USO, así como a Inspección de Traballo e Seguridade Social e o Fondo de Garantía Salarial, ademais do Centro Comercial Aberto Ourense Centro- hai un escudo en pedra da antiga OSE, unha organización fascista creada a raíz da promulgación, en 1938, do denominado ‘Fuero del Trabajo’. “Mentres que as organizacións sindicais democráticas e os seus representantes padecían represión”. 

A existencia deste escudo vulnera o establecido na Lei 57/2007, de Memoria Histórica

A CIG-Ourense entende que a existencia deste escudo vulnera o establecido na Lei 57/2007, de Memoria Histórica, que ordena ás autoridades públicas tomar as medidas necesarias para a retirada de simboloxía franquista en edificios públicos.

A maiores, a Orde CUL/3190/2008, do 6 de novembro, dita instrucións para a retirada de símbolos franquistas nos bens da Administración Xeral do Estado e os seus organismos públicos dependentes.

En consecuencia, a central sindical reclama que se dean os pasos necesarios para proceder á retirada do escudo da OSE do Edificio da Casa Sindical de Ourense, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica “e por xustiza”.