A CIG de Ourense rexeita o uso como arma electoral do servizo de axuda a domicilio
A Unión Comarcal da CIG de Ourense esixe que o servizo municipal de axuda ao domicilio e á dependencia deixe de formar parte da disputa partidaria dos diferentes grupos políticos con representación no Concello da cidade, situación que vén de vello e que se ten agudizado nos últimos días.
Lembra que presta atención a arredor de 800 persoas usuarias, cunha prestación de 16.000 horas mensuais, e dá emprego a máis de 200 persoas, na súa grande maioría mulleres, converténdose deste xeito nun servizo social imprescindible para unha maior calidade de vida dos nosos maiores e as súas familias.
Dende a CIG de Ourense reclaman que os representantes políticos no Concello “remen todos na mesma dirección” para defender, mellorar e ampliar a atención que este servizo proporciona, e que non o usen como argumento para as súas liortas.
Por último, lembran que sería desexábel que todos os grupos garantiran que o contrato de concesión asumira a totalidade dos custes económicos recollidos no convenio colectivo de Axuda a Domicilio de Galicia, que computa como tempo de traballo os desprazamentos entre domicilios das traballadoras, e que o Concello non lle abona á empresa.