A CIG-Ourense estuda pedirlle responsabilidades penais á Xunta por non ter plans de seguridade en servizos públicos
A Unión Comarcal da CIG de Ourense anunciou que o departamento xurídico da central está a estudar a posibilidade de reclamarlle responsabilidades penais á Xunta ante a ausencia de plans de prevención de riscos e saúde laboral nas Consellarías de Medio Rural e de Medio Ambiente. Dende a central denuncian graves incumprimentos nesta materia tanto no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) como no parque natural do Invernadoiro, o que pon en risco a vida de traballadores/as e usuarios/as.
O secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, compareceu recentemente en rolda de prensa xunto ás persoas promotoras das denuncias presentadas ante a Inspección de Traballo (IT) para explicar que se decidiron a actuar ao considerar “gravísimo” que sexa a propia Administración pública a responsábel dos incumprimentos.
“Este feito denota un desprezo absoluto polos traballadores/as, até o punto de poñer en perigo a súa propia vida, pero tamén polos/as usuarios/as, xa que por exemplo o parque do Invernadoiro seguiu a funcionar durante o verán a pesar de todas as deficiencias que presenta nesta materia; se fose unha empresa privada seguro que a IT xa tivese ordenado a paralización das súas actividades, xa que existe risco grave”.
De novo Fernández Couto
No caso do SPDCIF, Pérez Carballo criticou que sexa a Dirección Xeral de Ordenación Forestal, dirixida por Tomás Fernández Couto -imputado a raíz dunha denuncia da CIG por presuntas irregularidades na contratación dos helicópteros contra incendios-, a que estea a impedir que a delegación territorial do departamento autonómico en Ourense solucione estas deficiencias, “como nos consta que quería facer”.
Manuel Méndez, traballador do SPDCIF, e Zeltia Burgos, axente medioambiental que traballa na Consellaría de Medio Ambiente -onde é delegada de prevención-, que foron as persoas promotoras das denuncias ante a IT, aproveitaron a comparecencia diante dos medios para debullar os detalles dun proceso que cualificaron de “longo e complexo pola falta de transparencia da Administración do PP”.
Ao mesmo tempo, considera moi grave que nun servizo como o SPDCIF, “que todo o mundo pode entender que é perigoso”, non se incluíran os plans de acción, “polo que tivemos que presentar unha denuncia reclamando a súa execución, cando a propia Constitución española establece que debe de ser a propia Administración pública a que ten que velar pola seguridade e hixiene no traballo”.Méndez criticou que a Xunta lles oculte os traballadores/as os plans de acción e atenuación de riscos derivados da súa labor, “polo que antes de nada tivemos que facer unha investigación para atopar as evaluacións de riscos laborais e os plans correspondentes para mitigar os seus efectos”.
A raíz da denuncia a IT deulles a razón e fíxolle un requerimento á Xunta o pasado 20 de abril esixíndolle que aborde determinadas cuestións importantes, “pero os responsábeis autonómicos/as fan caso omiso ao requerimento, execepto na entrega de fichas F01 (nas que se lles explican aos traballadores/as como teñen que solventar certos riscos e que son entregadas dende os distritos e dende a xefatura provincial)”. Polo tanto, Méndez anuncia que continuarán coas denuncias até que as deficiencias sexan solventadas.
A falta de dilixencia da Xunta, unha ameaza
No que respecta ao parque natural do Invernadoiro, Zeltia Burgos indicou que traballaron dende primeiros de ano na situación concreta que afecta a este parque ourensán, “pero que ben se podería facer extensiva a outros lugares”. O 14 de xullo presentouse unha denuncia por graves incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais, emerxencias e evacuación que pon en perigo tanto a traballadores/as como ás máis de 1000 persoas que cada ano visitan este parque xestionado pola Consellaría de Medio Ambiente.
Burgos comentou que catro meses despois da denuncia a IT mándalle un requerimento “demoledor” á Consellaría. “A nosa denuncia ía sobre todo pola ausencia total de comunicación nun parque que se atopa a máis dunha hora de calquera lugar habitado con centro médico (Verín), sen formación nin información de ningún tipo aos traballadores/as sobre evacuacións, primeiros auxilios e protección persoal no traballo”. A situación chega até o extremo de que “todos os incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral (incluso os máis básicos) se dan neste parque”.
Neste senso, criticou a falta de dilixencia e efectividade dos departamentos autonómicos, “xa que catro meses despois da denuncia aínda non fixeron nada; agora co requerimento supoñemos que se porán as pilas, senón seguiremos a denunciar porque non imos baixar a garda na defensa da saúde dos traballadores/as e da seguridade dos visitantes do parque”.
Numerosas actuacións
Finalmente, detallou que o requerimento da Inspección de Traballo vai na liña da denuncia presentada pola CIG e marca as actuacións que ten que facer a Consellaría:
-Establecer protocolos de actuación para situacións de emerxencia no parque.
-Identificar as persoas responsábeis de emerxencias e evacuación.
-Formar a informar en primeiros auxilios, loita contra o lume e evacuación aos traballadores/as.
-Establecer e sinalizar as saídas de evacuación.
-Dotar de botiquíns a vehículos e edificios.
-Equipos de traballo acordos coa marcaxe C e co Real Decreto12/15 do 95.
-Revisar toda a instalación eléctrica, que ten fallos graves.
-Dotar de comunicación eficaz o centro de traballo (o parque ten 5700 hectáreas e carece de emisoras e telefonía).