A CIG de Lugo denuncia a represión e os despedimentos na empresa “Esco Expansión”
A empresa, que se dedicada a actividades de xestión de cobros tendentes a busca de acordos entre debedores e acredores en relación con créditos impagados, ten como principais clientes ás entidades bancarias, e conta cunha delegación en Lugo na que traballan máis de 50 de empregados/as. Ademais posúe delegacións en Barcelona, Valencia e A Coruña, contando cun cadro de persoal de máis de 500 traballadores/as.
A respecto das razóns dos despedimentos, o Secretario Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, subliña que algúns dos/as afectados/as foran recoñecidos/as horas antes polos resultados obtidos, polo que “evidentemente o motivo alegado é totalmente falso. O motivo non é ese, senón que ten outra intencionalidade claramente sindical”, asevera.
Neste senso, apunta que os despedimentos danse nun contexto no que dende a representación sindical da CIG se presentaran varias reivindicacións laborais por incumprimento do estabelecido no Convenio de Oficinas e Despachos de Lugo (que suporía un incremento salarial de arredor de 150€ mensuais por traballador/a). Reivindicacións que non foron atendidas pola empresa.
Ante esta situación, a CIG convocou unha asemblea de traballadores/as o pasado luns día 1 de febreiro para informar da situación desas reclamacións efectuadas e para decidir e acordar o inicio dun conflito colectivo vía xudicial. Na propia asemblea, matiza Niño, representantes da empresa manifestaron que reclamar pola vía xudicial “traería consecuencias” e que a empresa ía adoptar medidas para frear as reivindicacións.
“Dous días despois desta asemblea prodúcense os 7 despedimentos selectivos, que afectan a algún dos traballadores e traballadoras máis activas na defensa dos seus dereitos e máis afíns ás posicións da representación da CIG”, apunta.
“A CIG considera que esta actuación compre enmarcala claramente como Lei Mordaza, pois ten un móbil discriminatorio e de represión e de vulneración de dereitos fundamentais, cunha clarísima intencionalidade sindical, que busca cortar de raíz calquera reclamación laboral e instaurar na empresa un clima de medo para ter sometidos aos traballadores e traballadoras”, afirma o Secretario da CIG Lugo-A Mariña.
A CIG vai solicitar á empresa a readmisión do persoal despedido e adoptará as medidas xudiciais oportunas. “Esta actuación non vai frear a esta central sindical para conseguir que se aplique correctamente o Convenio Colectivo”.