A CIG de Ferrol exixe atención presencial e a recuperación dos servizos e oficinas no INSS da cidade
A CIG de Ferrol mobilizouse este mércores diante da delegación do INSS na cidade para exixir atención presencial e a recuperación de servizos e oficinas. A central sindical denuncia que as restricións derivadas da pandemia da Covid-19 foron a xustificación perfecta para eliminar os procesos de atención presencial, que sumado aos recortes de persoal levaron os servizos do INSS na cidade "a unha situación límite".
"A cidadanía está indo ás oficinas da Seguridade Social de localidades como Betanzos ou Ortigueira para poder facer os seus trámites, porque en Ferrol, cando logras unha cita telefónica é, como mínimo, para dentro dun mes", advirte o secretario comarcal da CIG, Manuel Anxo Grandal.
Subliña que estamos falando de agardas superiores a 30 días nunha administración que se encarga da tramitación de pensións, resolución de incapacidades, etc. co que isto implica para as economías das persoas afectadas. E que, ademais, estes procedementos resultan moi complexos na súa tramitación telemática.
Para Grandal, a perda de atención presencial no INSS constitúe un paso máis no desmantelamento e a perda dos servizos públicos que a comarca leva anos sufrindo e afonda na fenda dixital. Neste senso, salienta que a implantación dun modelo de administración telemática, ou de atención telefónica no mellor dos casos, "non pode expulsar a cidadanía dos centros de atención pública".
Alerta que o recorte na atención presencial e as dificultades para realizar consultas e trámites a través do teléfono ou telematicamente, supón unha maneira encuberta de privatizar os servizos públicos, "porque quen non dispoña de medios técnicos ou dos coñecementos necesarios, se ten recursos económicos, acabará acudindo ás asesorías privadas para que lle fagan as xestións que a Seguridade Social lle nega".
"Este é un xeito máis, denuncia Grandal, de discriminación social", porque precisamente, ás persoas máis afectadas pola falta dunha atención presencial e/ou telefónica áxil na administración son as persoas con menos recursos e máis desprotexidas. Critica a hipocrisía dos Gobernos cando falan de que neste proceso de dixitalización 'ninguén quede atrás', mentres se desmantelan os servizos públicos.
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG de Ferrol xa se mobilizou con anterioridade no INSS para denunciar esta falta de atención pero "este non é unha problemática que afecte só ás persoas maiores", recalca o secretario comarcal da CIG. "Por iso, hoxe estamos aquí para exixir atención presencial e a recuperación de servizos e oficinas, porque a modernización tecnolóxica non pode supoñer a mingua de dereitos nin a perda de postos de traballo no sector público".