A CIG de Ferrol chama a mobilizarse para esixir solucións porque "a comarca está na UCI"

A central convoca para este venres unha cadea humana entre dúas oficinas de emprego
Ferrol - 12 Nov 2020

O secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, compareceu en rolda de prensa telemática esta mañá para informar da cadea humana que a central sindical ten convocada para este venres, 13 de novembro, ás 11 horas, entre a oficina de emprego próxima á Xunta e a oficina do SEPE do Esteiro para escenificar a situación de perda de emprego na comarca , o elevado número de ERTE vixentes, a ausencia de alternativas industriais "que volven moi reais o perigo de que as regulacións temporais se convertan en extintivas".

Esta mobilización, sinalou Grandal, fai parte da campaña que a CIG ten en marcha para reivindicar unha saída xusta galega fronte á crise e no marco da que se elaborou un amplísimo documento de propostas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra, con medidas de carácter transversal e sectorial nas que os poderes públicos teñen que xogar un papel fundamental e a través das que se insta a facer unha forte aposta en favor das forzas sociais galegas para o desenvolvemento deste proceso.

Faltan alternativas e carga de traballo

Nese documento recóllense medidas para dar solucións ás problemáticas que nestes momentos impactan de cheo na comarca de Ferrolterra como o proceso de descarbonización da económica, a subactividade no sector naval público ou o histórico déficit nas infraestruturas e a falta de chan industrial.

No caso do peche da central das Pontes, Grandal advertiu que para que realmente haxa unha transición enerxética xusta, os Gobernos teñen que intervir activamente neste proceso "e non deixar as decisións exclusivamente en mans dunha empresa privada como Endesa que pecha sen ofrecer máis alternativa despois de espoliar os nosos recursos e man de obra".  E ligado a esta cuestión, demandou a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega que permita á industria electrointensiva contar cunha prezo da enerxía máis estábel, competitiva e predicíbel.

En canto ao naval, alertou da grave situación que enfronta por mor da falta de carga de traballo, tanto na construción como en reparacións, turbinas ou incluso a eólica mariña "actividade na que se está negociando un ERTE por causas organizativas". Por iso, defendeu a necesidade de potenciar todas as áreas de actividade dos estaleiros da ría e que se executen os investimentos necesarios para a modernización e ampliación das instalacións.

Necesidade de continuar na mobilización

Pero o secretario comarcal da CIG tamén aproveitou para lanzar unha chamada pública á mobilización social e a reclamar nas rúas solucións e alternativas de futuro para a comarca. Ao tempo instou as demais organizacións sindicais a retomar o calendario de reivindicacións previo á pandemia "porque as demandas e os problemas non só seguen a ser os mesmos, senón que agora estamos nunha crise máis profunda. Pasamos dunha situación de emerxencia a unha situación de existir ou non existir".

Así, adiantou que a partir do luns, a CIG de Ferrol porase en contacto co resto de organizacións para abordar a posibilidade de convocar mobilizacións conxuntas na defensa da comarca e para esixir medidas urxentes ao Goberno español e á Xunta de Galiza.