A CIG de Compostela e a federación de Banca homenaxean ao compañeiro Freixido
Representantes da CIG de Compostela, da federación de Banca, da executiva confederal, compañeiras e compañeiros e amigas e amigos acompañaron á familia de Anxo Freixido, finado o pasado mes de xullo, nun emotivo acto no que se lembrou o seu traballo incansable e os seus anos de compromiso co sindicalismo nacionalista.
Anxo Noceda, que foi até hai dous anos secretario comarcal da CIG de Compostela –e na actualidade é membro da Executiva Confederal- foi o encargado de conducir o acto, que tivo lugar no cemiterio de San Xián de Sales, en Vedra. Na súa intervención, Noceda lembrou a militancia de Freixido ao longo dos anos desde a federación de Banca, que se chamaba daquela UTBG, integrada na INTG, que deu despois, xunto con outras centrais sindicais, na CIG. “Daquela a federación de Banca en Compostela era pouco máis que Freixido porque a militancia era aínda escasa, e o noso compañeiro érao todo”, subliñou.
Aí deuse paso ao canto da Internacional pero antes de que falaran as/os seguintes intervenientes Noceda quixo matizar que para el este, non era un acto de despedida, senón un “Até sempre” porque “as ensinanzas de Freixido van ficar en todas e todos os que convivimos con el durante décadas”.
De seguido Moncho Losada, que foi membro da Executiva Federal da Banca, secretario da UTBG e amigo persoal do que todas coñeceron como Freixido o do Pastor (Banco), lembrou tamén as dificultades daquel sindicalismo nacionalista que nacía na banca e salientou que a súa consolidación foi posible grazas a quen, como Freixido nunca perderon o alento e o compromiso. Xunto a isto e ademais do compromiso social e de clase, Losada quixo subliñar tamén a súa conciencia nacional.
Traballo incesante e home de acción
Tras Losada interveu a compañeira da sección sindical do Banco Pastor, e que ademais foi membro da Executiva da Federación, Pilar Cebreiro, que lembrou os centos e centos de quilómetros de coche que chegou a facer Freixido para visitar todas e cada unha das oficinas do banco na provincia da Coruña e ás veces máis alá. Aquel rapaz que a impresionara, cando o viu por primeira vez e do que quedara coa imaxe de que parecía un tanto “ácrata”, pero que logo demostrou ser unha “persoa de acción”, cunha enorme capacidade de organización e minuciosidade no traballo.
A continuación as compañeiras e compañeiros da CIG quixeron agasallar á familia non só con esta manifestación de cariño, senón tamén cunhas imaxes de Freixido nunha das múltiples mobilizacións nas que participou ao longo da súa vida. Agasallos que foron entregados pola actual secretaria nacional da federación de Banca, Sefi Romero e por Pablo Carreira, amigo persoal e compañeiro de miles de batallas.
Xunto a isto, o actual secretario comarcal da CIG de Compostela, Pepe Maio, e o actual secretario de Organización, Renato Núñez, entregaron tamén uns ramos de flores á familia.
No acto, ao que tamén asistiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, produciuse o momento máis emotivo cando interveu o fillo, Pablo Freixido, quen, visiblemente emocionado, agradeceu a todas e todos os asistentes as mostras de cariño recibidas e quen tamén quixo salientar ademais dese compromiso militante co sindicalismo nacionalista, a calidade humana do seu pai.
O acto rematou co himno galego e un convivio posterior no que todas e todos os asistentes lembraron a figura deste compañeiro que forma xa parte da memoria da CIG na comarca de Compostela e na federación de Banca.