A CIG de Cee reivindica o dereito das traballadoras/es do comercio a descansar os domingos e festivos
Dende a Unión Local da CIG de Cee teñen coñecemento (xa que figura nalgúns calendarios laborais) da intención de abrir ao público o 14 de agosto as superficies comerciais ou tendas pertencentes a empresas ou grupos de distribución como Carrefour Market, Gadis, Eroski, Cash Record, Kiddy's Class, Froiz, Hiper Asia e Maxi Dia, xornada que segundo a lexislación vixente non poderían abrir as portas.
Ese día non haberá a tradicional feira en Cee por mor da celebración das festas da Xunqueira e, polo tanto, (no caso de apertura) estarían a incumprir a lexislación sobre horarios comerciais e a Orde que regula a apertura en domingos e festivos para 2016.
Dende a central sindical reafírmanse no dereito que teñen as traballadoras/es do comercio do concello de Cee a participar e gozar das festas da súa vila e a poder conciliar a vida familiar e laboral á que tamén fai referencia a devandita Lei.
Por iso instan o Concello de Cee a facer cumprir a lexislación vixente en materia de horarios de apertura de grandes superficies ou cadenas comerciais.