A CIG da Coruña considera a Renda Social Municipal do Concello unha axuda positiva, mais insuficiente
"Fuxindo de debates nominalistas, afirmamos que contabamos de partida cun nome, o de RENDA SOCIAL, que nos podía valer, pero que para que fose unha verdadeira Renda Social teríamos que ila dotando de contido", asevera o Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira.
Desde a CIG, engade, "entendemos que, aínda recoñecendo aspectos positivos desta axuda, perdeuse unha boa oportunidade para configurar unha verdadeira renda social, universalizada, con unha mellor cobertura e con maiores garantías de execución".
Na súa elaboración cubriuse o aspecto formal, dar audiencia aos sindicatos e ás distintas entidades sociais que traballan neste sector, mais non foron atendidas practicamente ningunha das achegas realizadas. Finalmente aprobouse o borrador inicial con algunhas modificacións, a máis importante, se dúbida, foi o cambio de réxime xurídico que pasa de ser unha axuda de natureza subvencional a ser unha renda de natureza prestacional.
Cambio posíbel, necesario e positivo, non tanto pola acción política do goberno municipal, se non máis ben polo que permite o Decreto da Xunta de 18 de febreiro (publicado no DOG o 8/6/16), que define a carteira de servizos sociais de inclusión no que se engaden agora “as prestacións económicas destinadas a paliar a situación de necesidade social”.
Cambio de importante transcendencia, polo que agora si é posíbel facer o pago directo ás persoas beneficiarias da renda social municipal, "como dende un primeiro momento reclamaba a CIG xunto con outras entidades sociais que tamén o manifestaron nalgunha das reunións". Algo moi positivo tendo en conta que no borrador inicial o pago era realizado aos acredores da persoa beneficiaria, tendo esta que acreditar os gastos posteriormente.
"Consideramos pois, que hai aspectos que deben ser mellorados", sinala Filgueira, apuntando que o desenvolvemento desta ordenanza non poderá poñerse en marcha se previamente non se fai a dotación correspondente do persoal municipal que reforce o servizo para unha maior axilidade nos procedementos, o que deberá redundar unha instrución máis garantista e eficaz. "Sen a posta en marcha destes equipos non será posíbel executar a renda social".
Así mesmo, entende que progresivamente se debería abandonar o IPREM como indicador económico de referencia para estabelecela en función do SMI, tanto para medir a capacidade económica das persoas beneficiarias como para estabelecer a contía da renda. "Aquí é onde podería ter mellor cabida e encaixe a figura do/a “traballador/a pobre” en canto ás contías que podería percibir", indica.
Para o Secretario da CIG da Coruña "hai que universalizar esta axuda; e entre outras consideracións habería que ampliar e matizar o que se debería de entender por unidade de convivencia, sobre todo tendo en conta o feito de persoas que podan vivir xuntas nunha mesma vivenda ou aloxamento debido a situacións contrastábeis de extrema gravidade". Estabelecer tamén unha definición de domicilio que permita outorgarlle tal consideración cando unha ou máis persoas convivan xuntas de forma independente.
Para Filgueira sería preciso tamén definir que ten que entenderse por emprego adecuado (sobre todo nestes tempos de precarización absoluta das relacións laborais), xa que un dos requisitos é estar inscrito ininterrompidamente no Servizo Público de Emprego e non rexeitar unha oferta de traballo.
Por outro lado, "entendemos que a renda social municipal debe de contar sempre co orzamento necesario. A suficiencia orzamentaria para esta cuestión debe de estar garantida polo Concello e non podería constituír motivo de denegación para aquelas persoas beneficiarias da mesma que cumpran todos os demais requisitos".
Polo tanto, conclúe, "para a CIG é positivo contar cunha Renda Social Municipal que vai beneficiar a moita xente que o precisa nestes momentos, mais é insuficiente e ten que ser mellorada en moitos aspectos. De resultar aprobada no vindeiro pleno municipal, continuaremos facendo as nosas achegas no trámite de alegacións e información pública, co ánimo de contribuír ao seu melloramento".