Convocan un día de folga en Citroën contra o incremento dos ritmos de traballo
As centrais CIG, CUT e CCOO rexistraron este venres a convocatoria dun día de folga en toda a factoría de PSA Peugeot Citroën en Vigo para rexeitar o incremento dos ritmos de traballo como consecuencia do aumento da produción. A medida terá lugar o vindeiro sábado día 15, e celebrarase tras a exitosa xornada de paro deste sábado, no que un importante número de traballadores/as da empregados/as da compañía de automoción non acudiron ao seu posto coincidindo coa xornada voluntaria de traballo.
Os sindicatos dan así un paso máis nas medidas de presión para que a dirección atenda as súas demandas e achegue solucións á problemática derivada do aumento dos ritmos de traballo. Tras a celebración dunha concorrida marcha polos arredores da fábrica o pasado 1 de xullo e o éxito da chamada ao persoal de montaxe a non acudir ao seu posto este sábado, concidindo coa xornada voluntaria de traballo, agora convocan un día de folga na empresa o sábado 15.
O chamamento das centrais ao persoal de montaxe a non acudir a traballar este sábado pasado tivo un importante eco entre os traballadores/as. De feito, segundo sinalan dende a sección sindical da CIG en Citroën, a dirección da empresa, en previsión de que a medida ía ter consecuencias sobre a produción, fixo unha serie de movementos durante a semana como o cambio de eventuais dunha quenda a outra ou facer que operarios/as que saíron de traballar ás 22:00 horas volvesen ao seu posto ao día seguinte ás 6:00 horas, “incumprindo o mínimo de 12 horas de descanso entre xornadas que marca a lei”. Outra das medidas foi facer que empregados/as da quenda de noite prolongasen o seu horario de traballo.
A representación sindical lembra que os problemas na liña de montaxe véñense arrastrando dende hai anos xa que o persoal soporta cargas de traballo moi elevadas, “mais a decisión de aumentar a produción nun coche cada hora (nove por quenda) é a gota que colma o vaso”. Como consecuencia desta situación, rexístrase un importante índice de absentismo: na actualidade arredor de 400 dos 5500 empregados/as da factoría viguesa atópanse e baixa, a metade dende hai máis de seis meses.
Equilibrar os repartos e contratar persoal
Segundo denuncian, os repartos de traballo establecidos pola dirección son “irrealizábeis”, polo que consideran “unha falta de respecto” que a empresa non queira sentarse coa representación sindical para buscar unha solución. Neste senso, sinalan que o propio sindicato maioritario na empresa -o SIT- recoñeceu nun comunicado que “hai unha serie de repartos que, por distintas causas, os operarios/as non son capaces de realizar”.
Diante disto, cren necesario garantir unha redución das cargas de traballo e unha mellora no equilibrio dos repartos creando máis postos na liña (segundo os seus cálculos sería necesario contratar 30 persoas, 10 por quenda) e concretar cal vai ser o incremento dos descansos que se van establecer mentres dure esta nova cadencia.