A CIG cuestiona as bondades do acordo marco asinado por numerosos países europeos sobre teletraballo
A CIG considera que o acordo marco asinado por diferentes estados europeos, entre eles o español, relativo ao teletraballo, “dulcifica” as implicacións que ten esta modalidade de emprego, ao se presentar como unha oportunidade, cando a realidade é que pode ter preocupantes consecuencias en materia de seguridade social e, por extensión, nas condicións laborais das e dos traballadores ou mesmo para os lugares onde as persoas teletraballadoras se asenten.
O pasado venres, día 4 de agosto, o Boletín Oficial do Estado publicaba un acordo marco polo que se posibilita que as persoas que realicen teletraballo transfronteirizo habitual estarán suxeitas á lexislación de seguridade social do Estado no que o empresario teña “a súa sede ou o seu domicilio, sempre que o teletraballo transfronteirizo realizado no Estado de residencia sexa inferior ao 50 % do tempo de traballo total”.
Este acordo é aplicable, desde o pasado día 1 de xullo, nos estados europeos asinantes: Alemaña, Suíza, Liechtenstein, República Checa, Austria, Países Baixos, Eslovaquia, Bélxica, Luxemburgo, Finlandia, Noruega, Portugal, Suecia, Polonia, Croacia, Malta, España e Francia.
Deslocalización e peores condicións de traballo e de protección social
Se ben é certo que con este acordo voluntariamente unha persoa traballadora contratada por unha empresa con sede ou domicilio social en Alemaña, podería estar vivindo na República Checa con salario alemán, tamén é verdade que abre a posibilidade de que ocorra ao revés, que se aproveite esta normativa de seguridade social para aplicar as condicións menos beneficiosas que se dan na República Checa a traballadores e traballadoras de algún dos estados asinantes con mellor protección de seguridade social e de condicións de traballo.
Por iso, Paulo Carril, secretario xeral da CIG, advirte que con esta nova normativa “non quedan garantidas para a persoa traballadora as condicións máis beneficiosas da seguridade social dos países implicados. Ademáis, este cambio é unha ameaza ao respecto para seguir tendo unhas mellores condicións traballo para a persoa traballadora. O dereito a unha seguridade social non pode quedar ao arbitrio da voluntariedade de ningunha das partes, senón que debe estar garantida polos poderes públicos para que sexa xusta, digna e non discriminatoria”.
De feito, Carril advirte de que un dos problemas que tamén se derivan deste acordo é que pode “facilitar a deslocalización da actividade” ao permitir que se apliquen as normas de seguridade social, tanto de onde a empresa ten a súa sede, como o seu domicilio, o que pode chamar ás empresas a mudar a súa localización, provocando “ cambios negativos, en función da lexislación de seguridade social a aplicar que sexa máis beneficiosa á empresa, non á persoa traballadora.
Pero é que ademais, alerta das consecuencias que pode ter para os lugares de recepción das e dos teletraballadores con condicións económicas máis beneficiosas. Neste sentido, apunta que xa existen experiencias de empresas que, buscando aforrar custos, promoven esta modalidade de teletraballo cara territorios onde existindo bo clima e un custo da vida máis baixo. “Isto posibilita a especulación nos prezos da vivenda ou doutros servizos, o que acaba por dificultar a vida dos seus habitantes, con salarios máis baixos”, apunta.
Con todo, para o secretario xeral da CIG, o principal problema é que isto “non deixa de ser unha volta de porca máis na imposición a nivel europeo do teletraballo, cando no Estado español a súa regulación segue sendo deficitaria e inxusta e onde as persoas traballadoras non teñen os seus dereitos garantidos”.