A CIG cuestiona a representatividade da UGT en Extrugasa tras superar os votos en branco aos do sindicato estatal
A federación de Industria da CIG de Pontevedra vén de cuestionar a representatividade da UGT no grupo Extrugasa de Valga, unha vez que os votos en branco superaron aos obtidos polo sindicato estatal nas eleccións sindicais celebradas o pasado luns día 10. Dende a central nacionalista denuncian que a presión patronal impide a presentación de candidaturas alternativas, até o punto que a UGT monopoliza os 31 representantes do comité dende o ano 1981.
De feito, tal e como lembra o secretario comarcal da CIG-Industria de Pontevedra, Anxo Lúa, a central sindical intentou presentar unha lista ao comité hai oito anos, pero a dirección despediu ás sete persoas que a integraban antes de que se chegaran a producir as votacións nas tres empresas que forman o grupo Extrugasa: Estrusionados Galicia, Extrugasa Transformación e Galipan.
Nesta ocasión a CIG instou os traballadores/as a amosar o seu descontento mediante o voto en branco, chamamento que tivo un forte eco entre o cadro de persoal, xa que 181 dos 404 votos emitidos (dun total de 710 traballadores/as) foron en branco. A UGT sumou unicamente 130 apoios, o que deixa en entredito a súa representatividade no grupo empresarial (sendo só dun 18%). Tamén se contabilizaron 90 votos nulos.
Diante disto, dende a central sindical púxose en marcha unha campaña de información entre os empregados/as de Extrugasa, con reparto de folletos diante das instalacións do grupo, para desactivar tamén deste xeito os ataques e as críticas por parte da UGT, que acusou a central sindical de chamar ao voto en branco para deixar sen representación aos traballadores/as, “cando o que pretendemos é amosar o descontento existente entre o cadro de persoal cunha situación que se perpetúa dende hai décadas”.