A CIG cualifica como “pacto da vergoña” o acordo de carreira profesional na Administración
O pasado 27 de decembro, en pleno Nadal, e sen posibilidade de celebrar asembleas de traballadoras e traballadores, a Xunta chegaba a un acordo de Concertación Social con CCOO e UGT, que foi asinado hoxe, que a CIG-Administración Autonómica cualifica como “pacto da vergoña”.
Segundo explica a responsábel nacional do sector, Zeltia Burgos, a administración convocou para o día 26 de decembro a Mesa Xeral e para o día 27 a Comisión de Persoal para asinar o acordo de Concertación Social introducindo unha modificación substancial porque “agruparon dentro deste todos os acordos que se viñan negociando nestes últimos meses, como o da funcionarización, o da carreira profesional, a OPE de 2018 , a OPE 2019-2020 e o Acordo de Mellora do Emprego público, que non é máis que o mínimo que xa estaba aprobado na Lei de Emprego Público”.
Burgos considera que esta “torticeira” forma de xuntar diferentes acordos nun só, entre eles algúns aos que a CIG-Administración Autonómica xa manifestara o seu rexeitamento tiñan como obxectivo “que nós xa votáramos directamente que non”.
Propagandística carreira profesional
Para o sector da Administración Autonómica ademais, tanto Feijoo, como CCOO e UGT “menten”, en concreto sobre a carreira profesional. Neste sentido aseguran que é “falso” que a carreira profesional se lle vaia aplicar a 21.500 empregadas e empregados públicos, porque dese total só atinxe ás/aos 8.395 funcionarias/os de carreira.
Ademais asegura que quedan fóra 1.147 interinas/os “que só poderán acceder ao grao I da carreira profesional como pronto no 2024, xa que terán que agardar 5 anos. E non van poder acceder nunca ao resto de graos da carreira profesional”.
No que respecta ao persoal laboral temporal e indefinido, quedan excluídas case que 5.000 persoas xa que “ningunha vai entrar na carreira profesional”.
No que se refire ao persoal laboral fixo, dun total de 5.681 persoas só quen opten por funcionarizarse e aproben “van poder cobrar os importes da carreira profesional”.
Por iso a CIG-Autonómica reitera que esta esta suposta mellora “só vai ser aplicada a menos da metade das persoas que din UGT, CCOO e Feijóo”.
Falsa suba salarial
A CIG-Autonómica tamén afirma que é “falso” que vaia implicar unha suba salarial de 800,12€ para todo o persoal.
Para o ano 2019 o importe que se vai cobrar por grupos é o seguinte:
Ano 2019. Importes brutos |
||
|
Anual |
Mensual |
Subgrupo A1 |
800,12 |
66,68 |
Subgrupo A2 |
559,92 |
46,66 |
Subgrupo C1 |
541,68 |
45,14 |
Subgrupo C2 |
459,72 |
38,31 |
Agrup.Prof. |
371,52 |
30,96 |
Diante dos datos recollidos neste cadro afirman que eses 800,12 € non son “nin a media” do que vai cobrar o persoal, senón só o que vai cobrar o persoal do subgrupo A1. “E se comparamos co modelo de carreira profesional do SERGAS podemos observar que as contías son a metade”.
Agravio comparativo
Para o sector da Autonómica da CIG-Administración, “é moi importante que se recoñeza o dereito a carreira profesional para o persoal empregado público porque até o de agora non existía”, explica Zeltia Burgos.
Porén non se pode admitir un modelo de carreira profesional que “como mínimo non sexa como o do SERGAS, tanto en retribucións como no referido ao ámbito do persoal que abrangue, xa que no SERGAS se aplica a todo o persoal estatutario, funcionario e laboral sexa fixo ou interino. E especialmente rexeitamos as mentiras dos asinantes do pacto da vergoña para vender ese acordo”.