A CIG critica que o Goberno non inclúa o Protocolo de Reclamacións Colectivas no trámite urxente para ratificar a Carta Social revisada
A CIG critica que o Goberno español non aproveite para incluír na tramitación pola vía de urxencia que vén de iniciar para a ratificación da Carta Social Europea revisada, o asinamento e subscrición do Protocolo de 1995 relativo a reclamacións de carácter colectivo. A central sindical teme que separar ambos procesos constitúa un subterfuxio para que, finalmente, o Estado español continúe sen asumir a declaración específica de sometemento á supervisión do Comité Europeo de Dereitos Sociais.
A CIG leva anos demandando a ratificación da versión revisada de 1996 da CSE e mais do Protocolo de 1995 e así llo volveu reiterar o secretario xeral, Paulo Carril, á Ministra de Traballo na resposta á carta enviada por Yolanda Díaz á CIG informando deste asunto. Carril lembra que na última remisión ás Cortes da Carta Social Europea para a súa autorización (en febreiro de 2019) excluíse precisamente o Protocolo sobre reclamacións colectivas, cando é un dos instrumentos esenciais para a salvagarda dos dereitos recollidos na que se denominada Constitución Social Europea.
Que o Goberno español leve moitos anos de atraso con respecto a outros Estados da nosa contorna, como Portugal ou Francia, que xa teñen subscrito o Protocolo, evidencia un claro déficit democrático e de redución de garantías dos dereitos sociais no Estado español.
Posibilidade de que os sindicatos acudan ao Comité Europeo de Dereitos Sociais
A Carta Social Europea, adoptada en 1961 no seo do Consello de Europa, é un tratado internacional que garante os dereitos sociais e económicos ao traballo, á vivenda, á saúde e á educación, entre outros. Porén, a non aceptación do Protocolo de Reclamacións Colectivas impide que organizacións sindicais como a CIG poidan recorrer diante do Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) as disposicións estatais que non respecten os dereitos sociais, sen necesidade de esgotar previamente as vías xudiciais que tardan anos en resolverse.
A través deste mecanismo, os sindicatos de traballadores/as poden presentar reclamacións colectivas ao CEDS en relación ao non cumprimento da Carta. Se a reclamación ten éxito, o CEDS elaborará unha decisión declarando que o Estado en cuestión non cumpre coa Carta Social Europea e o Comité de Ministros/as do Consello de Europa ditará a continuación unha resolución.
Ratificar o Protocolo reforzaría o carácter vinculante desas resolucións do Comité, garantindo un impacto real no ámbito lexislativo, na súa aplicabilidade nas interpretacións xurídicas de todo o territorio español e na defensa fronte ás políticas que vulneran os dereitos sociais recollidos na Carta.
Dar cumprimento efectivo dos dereitos recollidos na Carta Social
Por iso, dende a CIG agardamos que o Goberno rectifique e remita ás Cortes de inmediato un Acordo para o asinamento e subscrición do Protocolo de Reclamacións Colectivas de 1995.
De igual xeito, unha vez ratificada a Carta Social revisada, esperamos que se cumpra coas recomendacións contidas nela, como a referida ao establecemento dun Salario Mínimo Interprofesional equivalente ao 60% do salario medio. Asumir esta premisa, que a CIG leva anos reclamando, suporía elevar o SMI até os 1.142 euros/mes, unha contía que está moi lonxe dos 950€ previstos no Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2021, do que se hoxe se votan no Congreso ás emendas á totalidade.