A CIG critica que o goberno demore a aplicación do xa insuficiente decreto de control de xornada
A CIG lamenta que o PSOE, ante unha regulación de xornada que xa no seu momento a central sindical valorou como “insuficiente” non garanta agora a súa posta en marcha. “O goberno do PSOE sacou este decreto frustrando xa as expectativas que había. Agora, cando tería que entrar en vigor, anuncia que dá marxe aos empresarios que incumpran e non fará actuar á Inspección”, denuncia Paulo Carril.
O secretario xeral da CIG lembra que o control de xornada é unha demanda de hai anos da central sindical que mesmo remitiu, en xuño de 2017, unha iniciativa a todos os grupos parlamentarios para modificar a lexislación establecendo o rexistro obrigatorio.
Abuso laboral e fraude á seguridade social
Para a CIG este rexistro é imprescindible para controlar os milleiros de horas extra que se realizan sen control algún. Horas que son unha fraude á Seguridade Social, porque as empresas nin as pagan ao seu persoal, nin cotizan por elas e unha fraude para as traballadoras e traballadores, porque ademais de non cobralas vén imposibilitada a conciliación da súa vida laboral e persoal.
A central sindical lembra a longa loita que se deu no caso, por exemplo, das entidades bancarias, onde foron as distintas Inspección de Traballo as que levantaron actas en base ás denuncias feitas pola CIG e iniciaron procedementos de sanción por extensión ilegal de xornada e lembra tamén que mesmo se presentaron demandas contra esas entidades, ademais de desenvolverse innumerables mobilizacións.
Foi pois un longo periplo e un intenso traballo en defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores, non só do sector bancario senón tamén doutros sectores como o de Servizos, onde o persoal sofre unha desregulación horaria, ou extensión ilegal da xornada máis propia do século XIX, no comercio, en grandes superficies ou en supermercados, entre outros.
Por iso a CIG exixe a revisión deste decreto nos termos que a central sindical ten formulado en 2017 e que se poñan en marcha todos os mecanismos para que este control antifraude entre en vigor xa con todas as garantías, poñendo á inspección a controlar e sancionar ás empresas que o incumpran.