A CIG critica que Citroën lle esixa “contención salarial” ao persoal cando a dirección ingresa soldos millonarios
A sección sindical da CIG en PSA Citroën cargou hoxe contra as recentes declaracións do director da planta de Vigo nas que adiantaba que lle esixirán “contención salarial” aos traballadores/as para poder competir coas chamadas fábricas low cost (baixo custe) e criticaba que haxa auxiliares do sector que pagan máis que a empresa da que é responsábel.
Sobre todo tendo en conta os históricos resultados obtidos polo grupo galo (o seu beneficio neto aumentou un 40%), os soldos millonarios que ingresan os seus responsábeis e os cuantiosos dividendos que reparten entre os seus principais accionistas.
De feito, o seu presidente, Carlos Tavares, ingresou 6,7 millóns de euros en 2018, o que supón máis de 18.000 euros diarios. O soldo de Tavares foi fortemente contestado polos sindicatos franceses e polo propio Goberno galo, tendo en conta que o Estado francés é accionista da compañía.
Para a CIG-Citroën as manifestacións de Ignacio Bueno son unha falta de respecto a un cadro de persoal que padece unhas condicións laborais de precariedade (baixos salarios, postos de traballo irrealizábeis, ERE, sen cobrar os días de parada, ou mesmo producindo, como no caso da quenda de fin de semana, etc). Diante disto, demándanlle que afronte as súas responsabilidades e remate con esta situación, “en lugar de utilizar os medios de comunicación para transmitir que os traballadores/as do centro de Vigo non temos dereito a salarios que cubran as necesidades básicas para chegar a fin de mes”.
Salario de 17.000 euros anuais
Con respecto ás críticas que Bueno lle dedicou ás empresas auxiliares que pagan máis que a propia Citroën, na CIG entenden que si debera ser motivo de preocupación para Bueno “é ser director dunha fábrica principal da automoción cuxos/as empregados/as se atopan en situación de precariedade con respecto ao persoal das auxiliares”.
Ao mesmo tempo, reiteran que o único xeito de rematar coa problemática que padece o cadro de persoal “é sentarse e escoitar os seus representantes legais”, polo que o instan a abrir unha mesa de negociación.
Finalmente, sinalan que se Bueno quere falar sobre os traballadores/as e as súas condicións laborais o faga sen recorrer a declaracións “humillantes e ofensivas” e invítano a que dea exemplo e que anuncie que se vai adxudicar un salario de 17.000 euros ao ano, “que é o que cobra calquera persoa que comezou a súa vida laboral en Citroën canda el”.