A CIG critica o deixamento de Endesa e das administracións co persoal das auxiliares
A CIG denuncia que tanto Endesa, como a Consellería de Economía e o Concello das Pontes non está a cumprir cos compromisos que adquiriron na xuntanza da Mesa para o impulso da actividade económica das Pontes. Na concentración realizada nas Pontes o pasado 13 de xuño xa se advertía da situación na que ían quedar as persoas traballadoras da industria auxiliar.
"A realidade é que despois de catro anos, este colectivo foi abandonado, tendo que pasar ao desemprego ou desprazarse a outras obras, sen que se cumpra así cunha premisa trasladada dende o principio do conflito, que para que a transición fora xusta non podía ser pagada co desemprego das e dos traballadores", subliña Alberte Amado.
Alerta que neste momento, "atopámonos ante un proceso de transición inconcreto, sen alternativa laboral para os colectivos afectados e sen concreción de ningún dos proxectos industriais que se anunciaron "a bombo e platillo" de maneira reiterada polas distintas administracións.
Rexeita as escusas de Endesa e das administracións que, baixo a escusa dos procedementos administrativos, "non poden xustificar os despedimentos e a falta dunha transición real e non unha demolición". Diante disto, a CIG reclama, unha vez máis, medidas concretas, reais e inmediatas que xeren industria e emprego na localidade.