A CIG critica o acordo para a suba do SMI que impide a dignificación dos salarios
A CIG denuncia que a suba do SMI pactada hoxe polo Goberno español, as organizacións patronais CEOE e CEPYME e os sindicatos UGT e CCOO queda moi por debaixo do que debera ser un incremento correspondente ao 60% do salario medio. Para a central sindical é un acordo vergoñento xa que sigue impedindo que se faga realidade de inmediato a recomendación da Carta Social Europea que establece que cando menos o SMI se sitúe no 60% do salario medio, o que de forma automática suporía pór o salario mínimo interprofesional no entorno dos 1.200€.
Cómpre lembrar que os 950€ que veñen de acordar é o 60% do salario medio existente no ano 2015, polo que seguimos acumulando máis anos de atraso na igualdade salarial coa media que esixe a Carta Social Europea.
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, isto dá a medida da escasa vontade que existe de abordar unha derrogación íntegra e inmediata da reforma laboral e da negociación colectiva que permita a recuperación dos dereitos arrebatados durante estes anos de crise pola aplicación destas contrarreformas.
Parella a esta reivindicación, Carril apunta á necesidade de suprimir o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e a utilización do Salario Mínimo Interprofesional, como única referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social pública. "O IPREM foi creado no seu momento coa única finalidade de mermar as prestacións públicas e polo tanto dentro da lóxica de avanzar nos baixos salarios e prestacións. Neste acordo manter o IPREM fai máis inxusto este leve incremento do SMI".
Doutra banda, a CIG critica que o Goberno de coalición segue a practicar un diálogo social que nega a obriga legal de consultar este tipo de cuestións con todas as organizacións sindicais máis representativas, entre as que está a CIG.