A CIG-Autonómica critica que a xestión da Xunta de Galiza na prevención e extinción dos incendios forestais “é nefasta, errática e neglixente” como evidencia o feito de que a día de hoxe aínda se estean a executar gran parte dos contratos para a xestión de biomasa de faixas secundarias do ano 2025 e algunha retirada de material mesmo corresponde a anos anteriores. A improvisación coa que actúa o Goberno galego nesta área tamén fica patente coa recente decisión de volver a contratar, a través de SEAGA, 42 brigadas de reforzo de prevención de incendios forestais, logo de terlle retirado a encomenda no ano 2019.
O sector de Autonómica da CIG lembra que en 2018, logo do fatídico balance en superficie queimada e vidas humanas do ano previo, púxose en marcha o ‘Convenio de xestión de biomasa de faixas secundarias’ entre a Xunta de Galiza, a FEGAMP e SEAGA, centrado na prevención nas parroquias máis castigadas polos incendios forestais. O convenio tiña unha vixencia até o 31 de decembro de 2021, que foi prorrogada até o 31 de decembro de 2024.
Nese ano, a Xunta de Galiza decidiu finalizar a súa vixencia e asinar un novo convenio. “Paralizáronse entón os trámites que se viñan realizando ano tras ano e despediuse ao persoal de SEAGA que realizaba os traballos de xestión e execución da retirada da biomasa nas faixas secundarias”, explican.
Porén, o novo convenio non foi publicado no DOG até o 31 de maio de 2025 e os trámites de xestión que indica o propio convenio entre SEAGA e os concello adheridos requiren un mínimo de 2 meses antes de poder iniciar os traballos. “Co cal nos situamos en agosto de 2025 sen ter executado ningunha retirada de biomasa nas parroquias máis expostas aos incendios forestais. E foi nese mes cando arderon a maior parte das 119.000 hectáreas ou 171.000, segundo quen dea os datos, a Xunta de Galiza ou a Unión Europea, que converteron o 2025 no ano con maior superficie queimada no noso país”, denuncia a CIG-Autonómica.
Brigadas a través de SEAGA con menos dereitos
Agora, nunha nova demostración de improvisación, a Xunta de Galiza volve contratar a través da empresa pública SEAGA a 42 brigadas de reforzo de prevención de incendios forestais, logo de terlle retirado a encomenda no ano 2019, pero empeorando as condicións do persoal, xa que recorta o período de actividade mínima dos seis aos tres meses e cun contrato de circunstancias da produción, “cando é sabido que o ano que vén volverán realizar a contratación”. Ademais, as condicións económicas destes traballadores e traballadoras son peores que as que ten o persoal contratado directamente pola Xunta de Galiza para realizar eses mesmos labores.
Responsabilidade do incendio en Oímbra
A respecto da investigación sobre a responsabilidade do incendio de Oímbra que o ano pasado arrasou 30.000 hectáreas e deixou tres bombeiros forestais con feridas graves, que apunta a que o lume se iniciou por uns traballos de roza cunha maquinaria contratada por SEAGA e xestionada polo Concello, a CIG-Autonómica salienta que “unha persoa traballadora non toma a decisión de incumprir unha prohibición de realizar traballos de roza pola súa conta. Alguén deu esa orde de rozar unha pista en plena vaga de incendios forestais”.
Este tipo de sucesos, conclúen, “son froito da mala xestión, da falta de planificación na prevención e loita contra os lumes e dun sistema atomizado que non recoñece a profesionalidade do persoal” .