A CIG critica a falta de firmeza dos alcaldes do PSOE na defensa da continuidade do centro de saúde marítima de Corcubión
Despois da reunión que levou a cabo no día de onte entre a Subdelegación do Goberno e os alcaldes socialistas da Costa da Morte, a CIG denuncia, unha vez máis, a intención do ISM de pechar o centro de sanidade marítima de Corcubión. Para a CIG resulta sorprendente e incomprensíbel a falta de contundencia e de presión por parte dos alcaldes do PSOE para forzar a que a dirección do ISM e a subdelegada se comprometan a levar a cabo con urxencia a cobertura da praza do médico da oficina de Corcubión.
Ademais, nesa reunión, a subdelegada falou da reestruturación do ISM concitando o acordo por asentimento dos rexedores presentes. A este respecto, a CIG lembra que a última reestruturación do Instituto Social da Mariña foi executa polo goberno socialista no ano 2009 e supuxo o peche das oficinas de Laxe e Muxía e tamén se prevía o peche da oficina de Fisterra.
En vista de que o servizo médico non se vai manter e que a intención do organismo estatal é pechar o servizo e deixar sen atención sanitaria específica a máis de 1400 mariñeiros/as; e diante do intento da dirección do ISM de reestruturar o servizo centralizándoo na Coruña, a CIG abordará co persoal afectado as medidas a desenvolver sen descartar a convocatoria de mobilizacións para evitar o peche da oficina de sanidade marítima de Corcubión.
A desaparición deste servizo suporía para os mariñeiros e mariñeiras perder días de traballo, un gasto innecesario polos traslados á Coruña, que se conxestione o servizo nesta cidade e unha precarización das condicións de traballo en aras da privatización deste servizo público.