A CIG-Correos mobilízase contra o recorte de servizos e a precarización que contempla o RD Lei 9/2024

Critica que o Goberno español non aposte a longo prazo por un modelo público para a prestación do servizo postal universal
Nacional - 05 Feb 2025

A CIG-Correos realizou unha concentración este mércores diante sede da Área Noroeste de Correos (situada na compostelá rúa do Franco) en defensa dun servizo postal universal prestado dende o público e unhas condicións laborais e retributivas dignas. A protesta realízase en resposta ás medidas contempladas no RD Lei 9/2024 (o famoso decreto ómnibus no que tamén ía a revalorización das pensións) que suporán "un recorte de servizos á cidadanía e unha precarización das condicións de traballo do persoal de Correos".

Aínda que este RD non foi convalidado, a CIG-Correos non dubida que a parte referida á ampliación do Servizo Postal Universal volverá en breve ao Congreso das e dos Deputados, coa mesma redacción, para a súa aprobación definitiva.

O secretario de Organización deste sector na CIG, Anxo Álvarez, explica que, a diferenza do ano 2010, cando a empresa Correos foi designada polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero como prestadora do Servizo Postal Universal (SPU) a través dun contrato programa de 15 anos (2010-2025), neste RDL só se reflicte unha ampliación de cinco anos, até 2030.

"Dende a CIG preguntámonos con preocupación o porqué deste prazo tan curto, tendo en conta ademais que o RD Lei condiciona a Correos á aprobación dun Plan de persoas que suporá unha serie de recortes en persoal e unha desregulación funcional, laboral e retributiva dos traballadores e traballadoras", advirte.

O persoal de Correos non é considerado empregado público

Álvarez indica que o RD Lei 9/2024 declara a Correos como prestador do Servizo de Interese Económico Xeral (SIEG), cuestión que considera "moi importante de cara a ser recoñecidos como servizo público", pero ao mesmo tempo engade na disposición final cuarta un apartado para "deixar claro que os traballadores/as de Correos non son persoal empregado público".

"Unha oportunidade perdida para incorporar o persoal de Correos ao Convenio Único da Administración Xeral do Estado para que sexa considerado empregado público de pleno dereito", lamenta o sector de Correos da CIG. Así mesmo estabelece que o SIEG tamén pode ser prestado por filiais da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, é dicir mediante subcontratas.

Recortes no rural

Xunto a isto, a central sindical denuncia que o RD Lei 9/2024 contén unha serie de medidas lesivas de cara a prestar un SPU de calidade ao entorno rural. Por exemplo, indica Anxo Álvarez, para o cálculo do custe de prestación do SPU, "só se contempla o ámbito urbano deixando excluído o ámbito rural. Algo totalmente incomprensíbel pois é sabido que os contornos rurais son os máis deficitarios para Correos".

Tamén se contempla un hipotético escenario contractual de reparto de paquetería en tres días por semana e non de cinco días como até de agora, así como o peche de oficinas de atención ao público dependendo da súa rendibilidade.

Diante disto a CIG-Correos acordou facer esta mobilización en Compostela para denunciar "este intento do Goberno que se di progresista, de deixar ou minguar servizos de Correos nos contornos rurais que afectaría grave e especialmente a Galiza e na defensa dun Correo público galego e de calidade".