A CIG-Correos mobilízase para denunciar a falta de persoal na unidade de reparto de Lalín
A CIG-Correos desenvolveu onte unha concentración diante das instalacións da unidade de reparto de Lalín para denunciar a falta de persoal na quenda de mañá, xa que dun total de 23 carteiros/as só hai dispoñíbeis 17, o que compromete a calidade do servizo nun momento de elevada carga de traballo como consecuencia da campaña electoral.
As protestas para reclamar unha solución a unha problemática que está a provocar un aumento da presión psicolóxica sobre os empregados/as continuarán este mércores 31 de xaneiro e o venres 2 de febreiro, tamén ás 9:00 horas -ao igual que onte-, coincidindo co tempo de descanso do persoal
Dende a central sindical queren trasladarlle á veciñanza de Agolada, Dozón, Lalín e Rodeiro que as carencias estruturais nas prazas de reparto na quenda de mañá pola falta de contratación nesta unidade tradúcense en deficiencias na calidade do servizo derivadas do proceso electoral. De feito, faltan seis traballadores/as dun cadro de persoal de 23, polo que nestes momentos a oficina conta con só 17 carteiros/as na quenda de mañá (13 rurais e 4 urbanos).
A CIG reitera que hai 4 postos de traballo sen cubrir permanentemente dende hai xa tres meses, aos que se suman 2 prazas máis por baixa médica. Situación que afecta as parroquias de Filgueira, Sello, Bermés, Santiso, Bendoiro, Donsión, Donramiro, Lalín de Arriba, Gresande, Anseán, Barcia, Vilatuxe, Vilanova, Lodeiro, Soutolongo, Lebozán, Zobra, Xesta, Doade e Vilanova.
Mais tamén repercute en gran parte do trazado do casco histórico do concello de Lalín, con rúas como Bos Aires, Cacharela, Joaquín Loriga, Rúa da Ponte, Rúa do Areal, Matemático Rodrí guez, Ramón Aller, Rosalía de Castro, Pardo Bazán, Rúa do Rodo, Colón, Castelao ou Barrio de Abaixo. Ás que se engaden as das urbanizacións do Regueiriño e de Feás, entre outras.
Presión psicolóxica
“A pesar das comunicacións, demandas, peticións e denuncias diante dos responsábeis con competencias na oficina de Lalín para explicarlles a carga de traballo excesiva e inasumíbel pola lonxitude das rutas e o elevado tempo de desprazamento, fan caso omiso e non cubren as vacantes con persoal laboral eventual”, censuran dende a central sindical. Por iso a CIG-Correos optou pola convocatoria de mobilizacións na localidade, “durante o tempo que sexa preciso até darlle unha solución a esta problemática”.
Neste senso, advirten que o persoal desta oficina está sometido a unha presión psicolóxica “que está a medrar co proceso electoral, incrementándose a carga de traballo e as distancias recorridas, engadindo as condicións meteorolóxicas adversas e o estado das vías na comarca, repercutindo todo isto no ambiente laboral da oficina e na calidade deste servizo público”.