A CIG-Correos alerta do colapso do reparto postal na Coruña pola falta de contratación
A CIG-Correos quere facer pública a grave situación que está a atravesar o servizo postal na cidade da Coruña, onde a falta de persoal está a provocar un colapso xeral no reparto de correspondencia e notificacións administrativas. A política de contratación “cero” que aplica Correos está a deixar as unidades de reparto baixo mínimos, deteriorando de maneira alarmante a calidade dun servizo público esencial.
Un dos casos máis preocupantes é o da Unidade de Reparto situada na zona da Mariña. Dun cadro composto por 39 traballadores e traballadoras, no día de hoxe só están operativas 20 persoas, “o que supón que a unidade funciona apenas co 50% do persoal necesario. Esta situación non é puntual, senón consecuencia dunha perda continuada de efectivos ao longo dos anos por xubilacións que non son substituídas”, advirte a CIG-Correos.
Na actualidade existen 11 postos estruturais sen cubrir, aos que se suman 8 traballadores e traballadoras que se atopan de baixa médica ou gozando de permisos vacacionais.
A representación da CIG subliña que as consecuencias desta falta de persoal son xa moi visíbeis, coa acumulación nesta unidade de preto de 11.000 cartas sen repartir e máis de 3.000 notificacións administrativas pendentes de distribución. “Estes atrasos afectan directamente á cidadanía, que non está a recibir comunicacións oficiais en prazo, con todo o que isto pode supoñer a nivel administrativo e legal”, advirten.
A situación repítese na Unidade de Reparto 3 da rúa Entrepeñas
Tamén aquí a redución de persoal derivada dos recortes aplicados por Correos está a provocar unha acumulación masiva de envíos. Nesta oficina hai máis de 14.000 envíos ordinarios sen repartir e arredor de 2.500 notificacións administrativas pendentes. A falta de contratación para cubrir ausencias, baixas médicas ou vacacións fai imposíbel asumir a carga real de traballo, xerando atrasos sistemáticos e unha deterioración evidente do servizo postal.
“Desde a CIG-Correos denunciamos que a empresa non está a tomar medidas para garantir a calidade do servizo. Non se cobren as ausencias do persoal, non se substitúen as xubilacións e non se reforzan os cadros de persoal malia a sobrecarga de traballo existente. Esta xestión está a trasladar o peso do servizo público a un persoal insuficiente, sometido a unha presión constante, mentres a veciñanza da Coruña sofre as consecuencias da falta de reparto”, critican.
Ante esta situación insostíbel, a CIG-Correos esixe a contratación urxente de persoal para cubrir todas as ausencias e os postos estruturais vacantes, así como un reforzo real dos cadros de persoal nas unidades de reparto da cidade. Pois, inciden, “só así se poderá atender ás necesidades reais do servizo e garantir un reparto postal digno e de calidade para a cidadanía”.