A CIG-Correos alerta de que a unidade de reparto de Redondela se atopa ao borde do colapso

Denuncia que unicamente conta con 12 persoas para dar servizo a tres concellos
Redondela - 26 Feb 2026

A CIG-Correos alertou hoxe de que a unidade de reparto de Redondela se atopa ao borde do colapso por falta de persoal, xa das 21 prazas só están cubertas 12, que se teñen que encargar de darlle cobertura a tres localidades na quenda de mañá (Redondela, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes) e catro na de tarde (ao engadirse Soutomaior).

Esta situación está a provocar unha total desorganización do servizo, tendo en conta que o persoal efectivo ten que andar cada día “dando saltos” para tratar de atender o reparto, “polo que a calidade do servizo que se lle presta á cidadanía é cada día peor”. 

Hai notificacións administrativas, citas xudiciais e outros envíos como citas médicas que están a chegar fóra de prazo

Dende a central sindical inciden na obriga da sociedade pública de cumprir coa legalidade en canto a prazos de reparto e días de entrega que establece a lei postal. “Hai notificacións administrativas, citas xudiciais e outros envíos como citas médicas que están a chegar fóra de prazo nalgúns casos como consecuencia do deterioro deste servizo público”, critican.

Por outra parte, a falta de persoal provoca tamén unha situación de tensión e de estrés entre as persoas traballadoras que ten como consecuencia o aumento de accidentes laborais e de baixas por ansiedade, problemática que a CIG leva tempo denunciando diante da Inspección de Traballo ao constituír unha “clara vulneración” da lei de prevención e seguridade laboral.

“Non se trata tan só da cantidade de carga de traballo, senón da incerteza xerada cada día no desenvolvemento do mesmo, da desorganización, da dispersión territorial á hora de levar a cabo o servizo e do sometemento á novidade constante”, detallan.

Finalmente, lembran que esta política de recorte de persoal e de ausencias que non se cobren por parte da empresa “vai en aumento e está sendo xeneralizada”, provocando un “grave prexuízo” para a cidadanía a un clima de tensión laboral “cada día máis insoportable”.