A CIG convoca unha xornada de folga nos centros de chamadas o 26 de xaneiro

A patronal pretende rebaixar a proposta de incremento salarial e retirou a de horas médicas
Nacional - 20 Xan 2017

Na reunión da mesa de negociación do convenio do pasado 11 de xaneiro a patronal de Centros de Chamadas retiraba a súa proposta de suba salarial, por entender que se augura un incremento do IPC e que polo tanto teñen que estudar unha rebaixa na súa proposta salarial para manter os custes baixos. Retiraron tamén a súa proposta de horas médicas, para que quede como está. Ante isto, a CIG ten convocada, para o vindeiro día 26 de xaneiro, unha nova xornada de folga.

En contra do que afirmaban algúns sindicatos “o peixe non está vendido”, asegura a CIG-Banca. A reunión do 11 de xaneiro pechouse de novo sen posibilidade de acordo a curto prazo, toda vez que a patronal endureceu as súas posicións. Un endurecemento que a CIG-Banca atribúe á falta de novas mobilizacións unitarias.

A federación xa indicaba no seu último comunicado que a suba do IPC do ano 2016 (1,5%) anticipaba un aumento da inflación, que facía preciso ter en conta a hora de pactar a suba salarial para evitar unha perda de poder adquisitivo.

“A patronal, coma sempre, entendeuno do revés, e di que coma non tiñan previsto unha suba do IPC teñen que facer números e xa presentou unha nova proposta rebaixada. Ao tempo, a vindeira reunión queda para o 2 de febreiro. Outro mes perdido”, denuncian.

En novembro houbo unha folga convocada por todos os sindicatos. “Dende esa data non continuamos coas mobilizacións e a negociación amorteceu. Na CIG entendemos que é necesario retomar as mobilizacións: o vindeiro 26 de xaneiro pararemos de novo o sector para demandar un Convenio Xusto e Digno”, conclúen.

Mobilizacións

No decurso desa xornada están previstas concentracións e mobilizacións en:

- A Coruña: Ás 12:00 en Atento con percorrido pola Avda Juan Flórez

- Lugo: Concentración de 12:00 a 13:00 h en Abante BPO (Avda Infanta Elena, 300)

- Vigo: Ás 10:30 h na Praza dos Cabalos