A CIG convoca un día de folga entre o persoal de Ilunion en Benteler de Valadares contra a explotación laboral
Os arredor de 50 traballadores/as de Ilunion Servicios Industriales na operativa da empresa de automoción Benteler en Valadares están chamados/as a unha xornada de folga este martes día 9 para reclamar unhas condicións laborais dignas e rexeitar a explotación e os abusos que padece o persoal deste centro especial de emprego. Coincidindo coa xornada de paro desenvolveranse tamén concentracións ás portas da compañía do sector do automóbil.
A convocatoria está promovida pola CIG, que conta con 10 dos 17 representantes do comité de empresa, e chega tras varios anos de mobilizacións tanto diante da ONCE, propietaria de Ilunion, como das distintas compañías da automoción nas que presta servizo o persoal deste centro especial de emprego.
O paro desenvolverase dende as 6:00 horas do martes día 9 até as 6:00 horas do mércores 10, sen descartar a posibilidade de que se estenda posteriormente a outros centros de traballo para forzar a empresa a mellorar as condicións de traballo en materia salarial e de xornada.
A central sindical iniciou en 2019 unha campaña de protestas para denunciar a explotación laboral e o abuso que padecen as persoas con discapacidade qaue traballan no sector do automóbil contratadas por Ilunion, que emprega na comarca de Vigo a máis de 600 traballadores/as. Prestan servizo nas principais compañías da automoción (Stellantis, Benteler, Lear e Denso) e padecen unhas elevadas condicións de precariedade -ingresan o SMI- e uns altos ritmos de traballo. Ademais, non reciben a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con discapacidade.
Diante disto, os afectados/as reclaman que se lles aplique o convenio colectivo do sector no que traballan, reivindicación que a CIG-Industria considera tamén fundamental para poñerlle freo aos abusos. Xa que os centros especiais de emprego son favorecidos por convenios que remuneran por debaixo do que o fai o convenio de sector da empresa cliente, e acaban actuando como empresas multiservizos. “Ofrecen man de obra barata, o que lles permite obter un lucro inmoral, vulnerando o principio de igualdade entre as persoas traballadoras e desvirtuando o papel destes centros como facilitadores da integración laboral”, censuran.
Novas formas de explotación
A central entende que este tipo de centros fan parte das novas ferramentas que o capital emprega para precarizar as condicións laborais e de vida de milleiros/as de traballadores/as “e para incrementar beneficios mediante o abuso e a escravitude laboral”. Lembran que máis de dúas terceiras partes dos contratos que se realizan a persoas con discapacidade son a través de centros especiais de emprego, e maioritariamente están asociados a tarefas pouco cualificadas. En consecuencia, estes centros deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral “para converterse en precariedade subvencionada”.
Xa que estas empresas reciben importantes subvencións públicas en función dos postos de traballo creados, ademais de axudas para o mantemento de postos de traballo e bonificacións nas cotas a Seguridade Social por custo salarial ou adaptación de postos de traballo.