A CIG convoca unha protesta para que se garanta o cobro das indemnizacións no ERE de Atunlo
A FGAMT-CIG do Salnés convoca unha concentración este venres 12 de xaneiro diante do Concello do Grove ás 12:00 horas para que se garanta o cobro das indemnizacións por parte do persoal de Atunlo afectado polo ERE extintivo que vai aplicar a empresa, que se atopa en preconcurso de acredores.
Con esta mobilización a central quere alertar tamén sobre o proceso de deslocalización que se está a producir na compañía con sede en Vigo e centros de traballo no Grove e Cambados, xa que deixa de fabricar no Grove -que queda unicamente para funcións loxísticas- e céntrase nas plantas de Portugal e Cabo Verde. De feito, a fábrica de Santoña, en Cantabria, tamén está afectada por esta reestruturación, co despedimento das súas 80 empregadas/os.
A CIG segue a insistir en que a dirección de Atunlo segue sen trasladar garantías de pago das indemnización nin completou a documentación solicitada en referencia á unha situación preconcursal que provoca inseguridade xurídica e administrativa ao cadro de persoal. Ademais, tampouco se ten acceso ao plan empresarial de reestruturación.
Na terceira xuntanza de negociación do ERE, que tivo lugar onte, abordouse a posibilidade de reducir o número de despidos: aumentar de 13 a 22 os empregos que se conservarían nas seccións de almacén, loxística frío e liña aceite. “Curiosamente, dos nove postos de traballo que se manterían, tres están ocupados por delegados de CCOO no comité”, sinalan dende a CIG.
Tamén se falou da posibilidade de recolocar a 20 traballadoras/es no centro de Atunlo Cambados, polo que en lugar das 136 rescisións de contrato anunciadas pasaríase a 105 ou 125 (no caso de que as traballadoras/es aceptan voluntariamente cubrir as 20 vacantes para Cambados). “Mais o problema dos postos de Cambados é que no canto de contrato indefinido sería fixo-descontinuo, polo que nós solicitamos que se manteña o indefinido”. Por todo isto, a CIG segue a considerar insuficiente a proposta da empresa, tendo en conta ademais a falta de garantías nos pagos e de información.
A seguinte xuntanza da comisión negociadora do ERE terá lugar o vindeiro luns 15 de xaneiro ás 12:00 horas, pero antes, este mesmo venres, a central sindical mobilizarase diante do Concello do Grove en apoio do persoal afectado para esixir precisamente que o proceso se desenvolva coas todas garantías.