A CIG convoca unha manifestación en defensa do emprego e da industria este martes día 5 en Santiago
A CIG-Industria convoca para o vindeiro martes, día 5 de abril, unha manifestación que percorrerá as rúas de Compostela, con saída ás 11:00 horas do campus Sur, diante da facultade de Dereito. A central sindical insire esta mobilización en defensa do emprego e da industria, na campaña contra a carestía da vida que vén de pór en marcha.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas denuncia a falta de políticas públicas para defender os nosos sectores produtivos e as graves consecuencias que para estes e para o conxunto da clase traballadora teñen os prezos da enerxía. Ausencia que é clamorosa no caso da Xunta de Galiza que, malia ter todas as competencias en materia de industria, foi incapaz de deseñar, articular e desenvolver unha política industrial que respondera ás necesidades do sector.
Por iso subliña que “a única bagaxe que ten Feixó, despois de todos estes anos á fronte do goberno galego, é o medre do desemprego, o incremento do peche de empresas e un futuro incerto en moitos sectores, como o da automoción, o naval, as electrointensivas e un longo etcétera”.
Bouzas rexeita tamén as políticas tanto do PSOE como de Unidas Podemos, nomeadamente a non derrogación da reforma laboral, o que entende que “vai provocar máis precariedade, perda de poder adquisitivo e pobreza laboral na clase traballadora”.
Canda isto o secretario nacional de CIG-Industria cuestiona o pacto de rendas que se pretende aprobar e que considera que hipotecará os salarios afondando aínda máis na grave situación económica das e dos traballadores e as familias empeorada agora coa carestía da vida.
Unha crítica situación empeorada polas carencias do sistema público de benestar social derivadas de anos de políticas de recorte e privatización en educación, sanidade, servizos pública ou dependencia, entre outros.