A CIG convoca unha manifestación en defensa do naval vigués e chama a loitar polo futuro da comarca

A marcha arrincará o martes 23 da Dobrada ás 19:00 e rematará na delegación da Xunta
Vigo - 10 Nov 2021

A Unión Comarcal da CIG de Vigo e a federación de Industria convocan unha manifestación en defensa do sector naval o vindeiro martes martes 23 de novembro, ao tempo que fan un chamamento a loitar polo futuro da bisbarra. A marcha a pé arrincará dende A Dobrada ás 19:00 horas e rematará diante da delegación da Xunta na cidade.

Na central sindical lembran que o naval é un sector estratéxico para Galiza e fundamental na comarca de Vigo; un sector que dende finais do século XIX, xeración tras xeración, empregou a milleiros de persoas traballadoras “porque os estaleiros son verdadeiros polígonos industriais que xeran postos de traballo e riqueza”. 

Hai que poñer en marcha a Mesa do Naval da Ría de Vigo para abordar as solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e do emprego no sector

Mais dende hai anos esta industria atravesa unha profunda crise que a fixo perder 5900 empregos, aos que hai que sumar os postos de traballo indirectos, que ascenden a máis de 17.000. Na actualidade esta crise ameaza mesmo con facer desaparecer o sector, coa “agonía” de Vulcano, co Porto de Vigo dándolle “a estocada final”; ao que se engade a escasa actividade de Metalships e o abandono de Barreras, tanto pola Administración central como pola autonómica, “relegando así a Galiza como líder na construción naval do Estado español”.

Por iso na CIG consideran que as Administracións teñen que intervir decididamente como única solución para manter este sector chave para a comarca de Vigo e para o conxunto da economía do país. “Hai que poñer en marcha a Mesa do Naval da Ría de Vigo para abordar as solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e do emprego no sector”.

Retorno ao sector público

Apostan por garantir a continuidade de Barreras como estaleiro punteiro a través do proceso de retorno ao sector público. E no caso da antiga Vulcano, recuperar a actividade nas instalacións mantendo a concesión actual do Porto de Vigo para a construción e reparación naval.

E reclaman a conformación dun holding entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e compañías transformadoras do metal na Ría de Vigo, con participación pública e privada, para proxectos conxuntos como centrais de compras comúns, deseño, etc.

Así como a diversificación da oferta para aumentar a carga de traballo con contratos firmes para construír e garantir o financiamento para desenvolver os proxectos. “Ademais de afondar na formación dos traballadores/as e na creación de condicións laborais dignas que garantan a continuidade dos postos de traballo para recuperar os profesionais emigrados”.