A CIG convoca unha manifestación este xoves dende Barreras até a delegación da Xunta en Vigo
A CIG convoca unha manifestación este xoves 14 en Vigo para reclamar a intervención pública de Barreras co obxectivo de garantir o mantemento da actividade industrial e de todos os empregos. A marcha arrincará das instalacións do estaleiro ás 11:00 horas e rematará diante da delegación da Xunta na cidade.
Con esta nova mobilización, a central quere demandarlle ás Administracións públicas que interveñan nunha empresa que foi privatizada polo Goberno español de Aznar por debaixo do prezo de mercado e que na actualidade atravesa unha grave crise coa súa entrada en preconcurso de acredores.
Dende a central lembran que o naval é un sector estratéxico para Galiza e fundamental para a comarca de Vigo, polo que o Goberno galego ten que achegar as axudas públicas necesarias para a súa vertebración, co obxectivo de garantir a súa supervivencia e de frear o actual proceso de precarización laboral e de emigración de man de obra cualificada, imprescindíbel para un sector competitivo. A maiores, solicitan a convocatoria da Mesa do Naval, onde están representadas todas as partes (estaleiros, auxiliares, centrais sindicais e Administración).
Ao mesmo tempo, demandan que se retome de inmediato a actividade industrial en Barreras coa volta dos traballadores/as e das empresas auxiliares. O estaleiro, a navieira, o fondo de investimentos ou a Administración deben garantir o cobro/pago dos traballos realizados durante o período de preconcurso. “Obviamente, non se poderá contar coas empresas e cos empresarios/as responsábeis da actual situación”.
Prestacións por desemprego
Tamén apostan pola creación dunha comisión para afrontar a crise do estaleiro, así como a posta en marcha por parte do Goberno central das medidas necesarias para a reposición das prestacións por desemprego durante o período no que os traballadores/as estiveron sen actividade, “garantindo o mantemento dos cadros de persoal por parte das empresas auxiliares, xa que os traballadores/as son os verdadeiros damnificados/as desta situación xunto coas súas familias”.
Finalmente, instan a que os fondos de garantía de depósito feitos polos accionistas de Barreras para a construción dos buques non lles sexan devoltos no caso de que se venda o estaleiro e se empreguen para o pago das débedas que o estaleiro ten coas empresas auxiliares, exceptuando os que puidesen estar vinculadas coa dirección da empresa, e demándase a depuración de responsabilidades empresariais e penais á anterior dirección pola súa xestión deficiente e por levar o estaleiro á quebra.