A CIG convoca unha concentración no Obradoiro, “Por unha Europa dos Pobos e con xustiza social”, o 21 de setembro
A CIG anuncia a convocatoria dunha concentración, baixo o lema “A clase traballadora galega por unha Europa dos pobos e con xustiza social”, na Praza do Obradoiro para o vindeiro xoves, día 21 de setembro, ás 10:00 horas, coincidindo co evento ministerial europeo no que se abordará “O futuro do traballo e do diálogo social”.
A central sindical denuncia a súa sistemática exclusión para a participación en igualdade de condicións a outros sindicatos e interlocutores sociais, que si estarán no evento ministerial convocado con ese motivo.
A CIG denuncia que esta exclusión vulnera os dereitos de representación institucional que ten como sindicato máis representativo desde o ano 1982. Condición pola que participa como membro de pleno dereito na delegación española da OIT e dos organismos tripartitos creados no seo da Administración Xeral do Estado e os seus organismos autónomos.
Derrogación das reformas
A central sindical exixirá, ademais, a derrogación das reformas laborais e unha nova lexislación que restitúa os dereitos arrebatados á clase traballadora por mor das políticas ditadas pola UE, que disciplinadamente asumen e aplican os Estados, nomeadamente o español. Máis nun contexto de crise como o actual, no que desde instancias comunitarias xa se avanzan novas medidas de austeridade que empeorarán as condicións laborais, sociais e de vida das traballadoras e traballadores no noso país, xa lastradas por unha inflación desbocada que se vén sumar á perda de dereitos e salarios acumulada en máis dunha década.