A CIG convoca tres xornadas de folga en Froiz Mar pola imposición duns descansos discriminatorios
A CIG vén de convocar tres xornadas de folga en Froiz Mar, empresa encargada da distribución de marisco e peixe aos supermercados Froiz, os días 10, 11, e 12 de febreiro para rexeitar a imposición duns descansos que non permiten conciliar a vida laboral e familiar.
Así o anunciou hoxe Iván Veiga, da CIG-Servizos de Pontevedra, durante a rolda de prensa na que compareceu xunto a Luis Lubián, delegado da central en Froiz Mar, para ofrecer os detalles do conflito laboral derivado da negativa da empresa con sede en Lourido (Poio) e centro de traballo no porto de Vigo a negociar uns horarios que faciliten a conciliación da vida laboral e familiar.
Veiga sinalou que a empresa incumpre “dende sempre” os descansos, “algo inconcibíbel porque se trata dun tema fundamental para as persoas traballadoras”. Xa que os arredor de 30 empregados/as de Froiz Mar rematan a súa semana de traballo o sábado ás 11:30 horas e comezan a traballar de novo o domingo de madrugada ás 4:00 horas, polo que non transcorren as 48 obrigatorias ininterrompidas de descanso semanal.
“Cando na central sindical tivemos coñecemento desta situación o ano pasado intentamos sen éxito negociar coa empresa, polo que puxemos unha denuncia diante da Inspección de Traballo”. En decembro a autoridade laboral emitiu un informe “rotundo” no que lle require á compañía que implante uns novos horarios que respecten o descanso semanal contemplado no convenio colectivo de Comercio de Alimentación.
“A partir de entón mantemos tres xuntanzas coa dirección nas que non se nos dá a oportunidade de negociar nada, senón que o que fai a empresa é pretender impoñer de xeito unilateral uns horarios, até o punto de que se nega a levantar actas por escrito das reunións”, denuncia.
Sen proceso de negociación
O responsábel sindical detalla que para aplicar os cambios propostos pola Inspección Froiz Mar tería que abrir un procedemento de modificación substancial colectiva das condicións de traballo, establecendo un período de negociación de 15 días, cousa que non fixo.
“A nosa sorpresa é que na última xuntanza, celebrada o xoves pasado, entregan uns horarios feitos con moi mala fe, porque aínda que cumpren as 48 horas de descanso o que fan é obrigar a metade do cadro de persoal -integrado na súa maior parte por condutores/as- a traballar xornadas diarias de entre 2,5 e 3 horas”.
Isto fano unicamente para respectar o descanso obrigatorio, pero non establecen uns horarios “normais “que permitan conciliar a vida laboral e familiar. Si que o fan pola contra na outra metade do persoal, que poderán librar un sábado ou o un luns, “polo que cremos que se trata dunha medida discriminatoria que a empresa aplica de xeito arbitrario”.
Diante disto, lembra que a proposta da CIG sempre foi establecer un sistema rotatorio de quendas no que todas as persoas traballadoras teñan dereito a gozar dos mesmos días libres, polo que se a unha lle toca librar unha semana un sábado a outra tocaralle a semana seguinte. “Mais a empresa négase a facelo e optou por impoñer uns horarios inxustos, o que nos obriga a convocar a folga”.