A CIG convoca protestas para forzar a negociación do convenio pontevedrés de Oficinas e Despachos
A CIG vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións no sector de Oficinas e Despachos para forzar a negociación do convenio provincial de Pontevedra, que leva caducado dende 2012. Dende a central sindical chaman o persoal a participar na concentración que terá lugar este venres 17 ás 15:00 horas diante da sede da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa da Provincia de Pontevedra (AEMPE), en Pontevedra, e na Praza Ravella de Vilagarcía, á mesma hora.
A CIG celebrou o pasado 19 de xaneiro unha asemblea con traballadores/as do sector na que se abordou o estado de conxelación no que se atopa o convenio colectivo provincial, sen negociar dende 2012 pola ausencia de interlocución tras a disolución da patronal, tendo a Confederación de Empresarios de Pontevedra que asumir ese papel.
“É por iso que ante o escenario no que nos atopamos, na CIG temos a convicción de que a única vía para acadar as melloras que merecemos é a de mobilizarnos”.
Por iso dende a central sindical fan un chamamento ao persoal do sector a participar nas concentracións que terán lugar este venres 17 ás 15:00 horas diante da AEMPE, na rúa Virxe do Camiño, 2, en Pontevedra, e na Praza Ravella de Vilagarcía, no mesmo horario.