CIG convoca protestas solidarias co ex persoal da cafetaría do Meixoeiro ao que lle piden até 4 anos de cadea
A CIG desenvolverá novas concentracións nos xulgados de Vigo coincidindo o proceso penal contra 13 ex traballadores/as (a maior parte afiliados/as da central) da cafetaría do Meixoeiro aos que lles solicitan penas de entre 10 meses e catro anos de prisión e multas que en total ascenden a 800.000 euros. As protestas solidarias, que fan parte da campaña contra a represión sindical que está a desenvolver a CIG, comezarán ás 9:15 horas, 15 minutos antes da hora fixada para o inicio do xuízo no Xulgado do Penal número 3.
Este proceso penal foi aberto a raíz da denuncia presentada polo propietario da empresa Oh Vigo!, que xestionaba a cafetería do hospital do Meixoeiro, contra 13 ex traballadores/as por supostas coaccións e pola realización de pintadas. Segundo explica a secretaria nacional da CIG-Servizos, esta empresa fíxose en 2010 coa xestión por adxudicación a dedo do administrador concursal de Maconsi, a anterior concesionaria, xa que non se fixo nin un prego de condicións.
“Cando se fai coa xestión tivo que subrogar o persoal, comezando a partir de aí o calvario para os traballadores/as: impago de salarios, ERE, revogación do delegado de persoal da CIG. Etc”, denuncia Transi Fernández. Entón a central decide convocar mobilizacións e folga, e mesmo unha acampada diante da cafetaría para reclamar que abonasen os salarios.
A responsábel sindical sinala que o propietario da empresa, Javier Valverde, “que para nós é un terrorista patronal”, mantén importantes débedas. En 2015 a CIG unha denuncia na Fiscalía pola mala xestión do Sergas con esta contrata, xa que nese ano a empresa lle debía ao hospital o canon de máis de 117.000 euros por impago dos recibos de xullo, agosto, setembro, outubro e novembro; a Facenda debíalle máis de 43.000 euros; e á Seguridade Social máis de 73.000 euros. A Facenda da Xunta debíalle tamén 6000 euros, e aos provedores arredor de 71.000. Ademais, tiña que asumir o canon de cando se construíu a cafetaría, que ascende a máis de 750.000 euros.
“Nós puxemos todo isto en coñecemento do Sergas, da Fiscalía e da propia conselleira de Sanidade, que daquela era Rocío Mosquera, que nunca nos quixo recibir”. E ao mesmo tempo a central seguiu facendo reclamacións de salarios. Neste tempo prodúcese a revogación do delegado de persoal, da CIG, utilizando traballadores/as doutros centros de traballo que o empresario xestionaba e que pechan como consecuencia das débedas. “Presentamos denuncia no xulgado e gañamos, polo que o compañeiro volve a ser o delegado de persoal, pero seguen os impagos e as mobilizacións, e logramos gañar o xuízo para rescindir os contratos”.
Entón o empresario ten que depositar no Xulgado do Social unha cantidades importantes para facer fronte ás indemnizacións, pero a día de hoxe segue a ingresar como moito 300 euros ao mes, polo que os traballadores/as cobran aos poucos. “Diante desta falta de liquidez, decide ir ao xulgado de Instrución e presenta denuncias falsas contra todos/as os traballadores/as que rescindiran o seu contrato. Acúsaos de coaccións e di que está mal psicoloxicamente pola súa culpa e que tivo que gastar moitos cartos na súa saúde”.
O problema -lamenta Fernández- é que o xuíz faille caso e pasa o tema ao Penal, polo que nestes momentos temos os traballadores/as imputados/as que terán que enfrontarse a un macroxuízo como consecuencia dun conflito laboral que foi xudicializado.
“Pídenlles penas de entre 10 meses e case catro anos de cadea (dous anos por coaccións, dous anos por pintadas, etc.) e unha multa que ascende en total a case 800.000 euros, polo que temos que mobilizarnos contra esta barbaridade para evitar que un empresario se aproveite dos traballadores/as e se beneficie economicamente solicitando unha indemnización aducindo que ten problemas de saúde por culpa destes/as traballadores/as.”